CULTURA

O Molière máis divertido da man de Teatro do Morcego

07/03/2007 Chega ao Teatro Principal outra obra de Molière, esta vez da man de Teatro do Morcego. Esta vez represéntase, os días 8 e 9 de marzo, "O burgués fidalgo", una sátira na que o dramaturgo francés critica aos novos ricos que desexan aparentar o que non son.

A obra ofrece, segundo o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, "a oportunidade de pasalo ben e, ademais, recoñecer nela vicios e defectos da sociedade de hoxe". Porque como dixo, "se hai un teatro de permanente actualidade ese é o de Molière".

"O burgués fidalgo" é para moitos a obra máis divertida de Molière. Nela xunta con mestría situacións xocosas e a sátira mordaz do novo rico desquiciado por aparentar o que non é. A proposta de Teatro do Morcego achégase ao orixinal, pero cunha visión máis contemporánea sobre o escenario, con actores e músicos que recuperan a partitura orixinal de Lully. "Recuperamos textos e músicas orixinais, pero cunha posta en escena moderna", indicou o director da compañía, Celso Parada.

A obra conta a historia de Monsieur Jourdain, un rico e zafio comerciante que, nas súas aspiracións por mesturarse coa clase social superior, cae baixo o engano dun aristócrata sen escrúpulos que busca limparlle todo o seu diñeiro.

Compartir: