ALCALDÍA

O alcalde asumirá directamente as competencias en Educación coa participación de todo o goberno municipal

04/09/2020 Trala marcha da concelleira de Educación ao Parlamento, as competencias nesta área serán asumidas directamente pola Alcaldía. Así o comunicou o rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, que indicou que o fará coa participación de todo o goberno para garantir que se cumplen os "retos que nos esperan nas mellores condicións".

"È un esforzo grande pero é o que temos que facer" e "non imos escatimar medios humanos nin materiais dentro das nosas competencias" para garantir que os CEIPs poidan abrir o día 10, ao igual que os comedores escolares, "en condicións de seguridade". O alcalde lembrou que setembro trae consigo unha serie de fitos que é preciso ir superando: á apertura das escolas infantís e dos colexios súmase o comezo do curso en secundaria, bacharelato, FP e na Universidade, cunha característica: que boa parte do alumnado virá de fóra. "Santiago non é unha illa", lembrou o rexedor, e a cidade terá que afrontar a chegada de persoas procedentes doutras zonas con maior incidencia de positivos. "Quero lembrar e ratificar que a incidencia estatística en Santiago é inferior a outras áreas", de aí o carácter preventivo das últimas medidas restritivas anunciadas pola Xunta.

Sánchez Bugallo voulveu a referir ás restricións vixentes na cidade dende esta semana: "aínda que nos parezan excesivas, en especial na hostelería, se isto nos evita tomar medidas máis restritivas" pagará a pena. "Espero que a finais de setembro esteamos en condicións de afloxar esta presión".

O alcalde anunciou que a Comisión de seguimento coa hostelería se volverá reunir a semana que vén para abordar a aplicación destas medidas no sector. "Pídennos unha interpretación aberta e xenerosa" pero é difícil porque se trata de "normas moi restritivas". Non obstante, os servizos xurídicos do Concello están estudando a forma de facer posible o cumprimento escrupuloso da norma evitando xerar danos a maiores en sectores xa golpeados, tendo en conta que "garantir a seguridade é a prioridade absoluta". "Somos conscientes da problemática" e estase traballando para buscar solución.

De novo o rexedor fixo un chamamento á poboación para que se manteña en garda todo o día. "A batalla contra o virus e a protección dura 24 horas e non se circunscribe só ao ámbito laboral" porque co relaxamento no tempo de lecer "a hostelería convértese en pagana de algo do que non é a principal responsable". Así mesmo, o alcalde indicou que falará co conselleiro de Sanidade para que se contemple a posibilidade de regular o uso de mamparas na hostelería.

Estatuas do Mestre Mateo
Preguntado polos xornalistas sobre como a sentenza sobre o pazo de Meirás pode afectar á loita do Concello para recuperar as esculturas do Mestre Mateo, o alcalde indicou que ambos procedementos están en puntos diferentes, aínda que "nos dá ánimos para seguir pelexando".

"Agora estamos nun recurso de casación ante o Tribunal Supremo pero que non nos permite achegar novas probas", lembrou o alcalde que anunciou que "non descartamos nada, nin sequera acudir aos tribunais europeos buscando amparo xudicial se non o atopamos aquí" porque "non teño dúbida de que as estatuas son da cidadanía de Santiago". A única dúbida, en verbas do rexedor, é "se foi unha apropiación indebida persoal ou da xefatura do estado" en cuxo caso "as estatuas serían patrimonio de todos os españois".

Sánchez Bugallo lembrou que existe documentación que acredita que foron compradas polo Concello pero que se conseguiu a medida que se avanzaba no proceso, o que non permitiu presentala desde o comezo. "Necesitamos que se reabra o proceso e que teña en consideración esta nova documentación". O alcalde salientou que "O Concello está indo a por todas desde o comezo".

Pleno municipal
O alcalde tamén se refereiu na rolda ao pleno municipal extraordinario celebrado esta mañá no que tomaron posesión os dous novos concelleiros de Compostela Aberta, Xan Duro e María Rozas. Sánchez Bugallo desexoulles "os maiores acertos" a agarda poder traballar con eles "en interese da cidade". Tamén lle desexou a mellor das sortes á concelleira do grupo municiapal socialista, Noa Díaz, que marcha ao Parlamento trala formalización da súa renuncia ante o Pleno.

Compartir: