ALCALDÍA

Sánchez Bugallo considera as novas restricións razoables e comprensibles e chama á responsabilidade de todos no seu cumprimento

03/09/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, valorou esta mañá as novas restricións aprobadas pola Xunta de Galicia para a cidade, unha vez publicadas no DOG. O rexedor entende que son "medidas preventivas" non tanto provocadas pola situación actual no municipio senón para conter os abrochos e afrontar en mellor estado o último trimestre do ano porque "se se producise un deterioro significativo teríamos que tomar medidas máis restrictivas".

"Parécenme razoables e comprensibles, pero son consciente dos problemas que nos xeran nalgúns sectores". Bugallo referiuse en concreto á hostalería e ao turismo: comprende que son dos máis afectados pola redución do aforo ao 50% tanto no exterior como no interior e polo impedimento de empregar a barra, pero enténdeas necesarias no actual contexto. "A seguridade é prioritaria", engadiu, "pero imos pelexar para que as medidas se poidan levantar o antes posible".

Segundo o rexedor, os datos actuais non son especialmente alarmantes en Santiago, pero "temos un mes de setembro moi complexo con fitos que temos que ir superando un a un", coma son o comezo das clases nas escolas infantís (o pasado día 1), nos CEIPs o día 10, o día 16 en secundaria e FP e o arranque do curso universitario o día 21. Todas estas circunstancias suporán posibles novos focos de contaxio pero "se hai conciencia, superarémolo" e teremos "un escenario máis positivo". Non obstante, reforzarase a vixilancia policial para evitar concentracións de mozos ao aire libre e tamén nos pisos.

Atención a quen o necesite a través do 010, Policía local e Protección Civil
O alcalde fixo un chamamento a aquelas persoas que necesiten algún tipo de atención. "Para todos nós é unha prioridade atender á poboación", polo que "se alguén necesita medicinas, que se lle faga a compra ou outro servizo" pode chamar aos seguintes teléfonos: 010, 981 54 31 05 (Protección Civil) ou 092/ 981 54 23 23 (Policía Local). En especial quen teña que gardar corentena. Pola Lei de protección de datos o Concello non pode dispor dos nomes pero o alcalde animou a quen se vexa nesta situación a poñerse en contacto cos servizos municipais para o que precise.

Medidas
Parques públicos
Os servizos municipais están a adaptar as medidas acordadas polo goberno autonómico, non obstante, o alcalde lembrou que "non imos pechar os parques públicos, nin infantís, nin as instalacións deportivas ao aire libre". Colocaranse de novo os letreiros informando das medidas e dos límites de aforo e manterase a limpeza diaria nas 150 instalacións das que dispón o Concello. Iso si, o rexedor fixo fincapé en que todos contribuamos a deter a expansión do virus con "reglas tan sinxelas" coma levar xel hidroalcólico e empregalo antes e despois de usar as devanditas instalacións.

Aforos
Outras das instalacións que se verán afectadas serán o tanatorio, mercados como a Praza de Abastos ou o mercadiño de Salgueiriños. Tamén o multiusos Fontes do Sar ou o Auditorio de Galicia, xa que o límite queda fixado en 60 persoas en recintos pechados e 100 ao aire libre. "Imos cumprir e facer cumprir a norma", sinalou Sánchez Bugallo, para que "as medidas se flexibilicen o antes posible".

Multiúsos
A respecto da situación do Multiúsos, o alcalde sinalou que todas as medidas precisas están tomadas e que o problema non se derivou da práctica deportiva senón de "actividades sociais posteriores". Por este motivo fixo un chamamento a respectar todas as normas en todas as actividades que se desenvolvan ao longo do día, prestando especial atención ás de lecer.

Chamamento á serenidade, á confianza e á comprensión
O alcalde insistiu no chamamento á serenidade e á responsabilidade, "porque vai depender de todos nós impedir a expansión do virus"; á confianza "en que estas medidas nos van permitir unha recuperación máis rápida"; e á comprensión de toda a cidadanía, en especial "do sector hosteleiro e turístico"; e reiterou a colaboración do Concello co resto de administracións.

Compartir: