POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello achega máis de 40.000 euros a cinco entidades sociais da cidade

03/09/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, asinou esta mañá os convenios de colaboración con ACEM, ASPAS, Sarela, Itínera e Fonte da Virxe por importe de 43.414,23 euros.

A través dos convenios asinados, as entidades poderán financiar as actividades realizadas ou a realizar durante este exercicio 2020. Así mesmo, as devanditas entidades convértense en entes colaboradores co Concello para acoller a persoas que están a desenvolver traballos en beneficio da comunidade como forma de integración social.

Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM)
Finánciase o programa de rehabilitación fisioterapéutica cunha achega de 15.670 euros. Co mesmo faise especial fincapé na prevención, prognóstico e tratamento dos déficits presentados na persoa doente como resultado da patoloxía diagnosticada (Esclerose Múltiple, ELA, Parkinson e outras similares). Trátase de doenzas crónicas e dexenerativas, polo que as persoas afectadas precisan dunha atención rehabilitadora de maneira continuada.

As actividades a realizar contemplan: informar, asesorar e adestrar as persoas que manteñen un papel activo no coidado da persoa doente, así como ás persoas afectadas pola doenza; detectar o antes posible o problema, previndo ao mesmo tempo a aparición de posibles déficits que poidan presentarse ao longo do proceso rehabilitador; examinar e valorar os déficits que presente a persoa doente de cara a implementar a intervención; establecer un programa de tratamento adecuado ás necesidades específicas da persoa doente; e intervir sobre os déficits detectados e estimular as capacidades que se atopan intactas.

A finalidade é axudar a recuperar, sempre que sexa posible, e/ou manter o máximo nivel posible de funcionalidade e independencia, contribuíndo así a mellorar a calidade de vida.

Asociación de Dano Cerebral de Compostela "SARELA"
NestE caso destínanse 3.199,30 euros ao programa de terapia acuática/física.

Ademais da terapia física, a terapia acuática utiliza as características mecánicas da auga para realizar un tratamento con fins terapéuticos, xa que esta ofrece un enfoque único, versátil e seguro no que a persoa con Dano Cerebral Adquirido pode desprazarse con maior liberdade e sen risco de caídas, favorecendo a autoconfianza e seguridade da propia persoa.

Levaranse a cabo actividades tanto individuais como grupais cunha duración de 45 minutos. A peridiocidade e horario das actividades establecerase con carácter trimestral segundo a organización da grella de actividades do Servizo de Atención Diurna Terapéutica (servizo onde se engloban as actividades deste proxecto), pero en calquera caso non será inferior a 3 días á semana.

Durante as sesións, levaranse a cabo exercicios de equilibrio, coordinación tanto xeral como óculo-manual, de marcha, desprazamentos acuáticos, de respiración, flotación, sedativos e relaxantes e lúdicos, entre outros.

Asociación Itínera De Voluntarios en Saúde Mental
O convenio financia o programa Ágora cun importe de 10.364,17 euros. Este programa ten un longo percorrido como actividade de voluntariado de carácter anual, dirixido a completar a formación académica e cultural de persoas con Trastornos Mentais Severos que pola irrupción da enfermidade non puideron continuar os seus estudos (ou, nalgún caso, non tiveron acceso a eles) e/ou que se viron apartadas da súa entorna cultural e social. Pártese dunha visión que tenta superar as tradicionais terapias ocupacionais e procurando mellorar a empregabilidade das persoas participantes.

Por unha banda conta cun grupo de actividades de corte máis académico, nas que se implementan clases particulares para sacar asignaturas de ESO, de Bacharelato, apoiado cando se precise por unha aula de informática, e outra de idiomas, complementados por diversos obradoiros orientados ao desenvolvemento de técnicas de estudo.

Por outra banda, o programa comprende o mantemento de grupos de iniciativa cultural, con diversos proxectos que abarcan dende a redacción de revistas ata clubes de lectura, debate e cineforums. A finalidade é a de dar o salto á participación de iniciativas e grupos culturais activos no municipio e crear eventos tamén de carácter cultural organizados por ITINERA pero dirixidos cara á cidadanía en xeral.

Desenvólvese a través de diversas actividades que implican transversalmente a diversas institucións académicas, sociais e sanitarias dándolle participación activa á cidadanía na labor de integración.

Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais
A devandita asociación destinará os 7.302,76 euros ao programa de respiro familiar para persoas que padecen unha enfermidade mental.
O proxecto consiste na realización de actividades/saídas de fin de semana, días de praia, a diferentes localidades de Galicia, co fin de favorecer as relacións familiares, xa que asegurando períodos de descanso, as familias poden contrarrestar a fatiga e o estrés. Así mesmo, as persoas beneficiarias adquiren unha serie de habilidades e destrezas para a vida cotiá que conleva unha diminución de recaídas e aumenta a súa calidade de vida.

)Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual, (ASPAS)
Achégase ao programa de respiro e/ou emerxencia familiar un total de 6.878 euros.

A discapacidade intelectual produce un gran impacto na familia, afectando á calidade de vida de todos os seus membros e de xeito diferente nas distintas etapas do ciclo vital que xera importantes respostas emocionais. Estas respostas, unidas a outros factores, como a presión do tempo e a carga de traballo, o esforzo físico e mental que require o coidado dos fillos e das fillas, incrementado cando hai que atender a un fillo ou a unha filla con discapacidade, acaba producindo un gran impacto emocional que pode afectar ás relacións de parella, á saúde, ao goce do lecer e ás relacións sociais.

A Asociación ASPAS creou un servizo de estancias temporais - respiro familiar de fins de semana e períodos vacacionais que dá resposta á necesidade de descanso ou emerxencia familiar mellorando así a calidade de vida das familias con membros con discapacidade intelectual ao poder ofrecerlles uns días de descanso, mentres o seu familiar é atendido por profesionais da entidade.

A Asociación dispón de 2 pisos cedidos polo Concello de Santiago de Compostela na rúa Roma, nº 5 de Fontiñas. O servizo faise dende o venres ás 18,30 horas (saída do Centro) ata o luns ás 10,00 horas, en que as persoas usuarias volven ao Centro. Cada fin de semana, poden participar 6 persoas con discapacidade intelectual, 3 por cada piso. Desenvólvense actividades encamiñadas ao fomento da vida autónoma e o coidado persoal, colaborando en todas as tarefas, aseo, limpeza, compra, planificación das actividades de ocio e outras.

Como novidade, este ano debido á actual pandemia da COVID-19 que provocou o peche de centros de día e centros ocupacionais, ampliouse este servizo ofrecendo un respiro por horas/días, onde as/os coidadoras/es se ocupan das saídas das persoas con discapacidade intelectual, do seu entretemento e goce de lecer nos servizos que ofrece a comunidade, mentres que as familias traballan ou descansan. Un servizo esencial hoxe en día para moitas familias que teñen o seu parente con discapacidade intelectual na casa as 24 horas do día polo peche de centros.

Compartir: