ACCIÓN CULTURAL

Esta fin de semana celébrase o festival "Agustín Magán" de teatro afeccionado, no que colabora o Concello de Santiago

02/09/2020 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, participou na rolda de presentación do ciclo, que se desenvoverá no Teatro Principal e no Salón Teatro. A entidade organizadora, FEGATEA, celebra o seu XX aniversario cunha edición especial do festival, que conta cun ano menos.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, participou hoxe na presentación do "XIX Festival Agustín Magán", co que colabora o concello de Santiago, e que se celebrará do 4 ao 7 de setembro no Teatro Principal e no Salón Teatro. Unha presentación na que tamén estiveron presentes Chelo Pampillón, presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado, FEGATEA, entidade organizadora do festival; o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e o director do Centro Dramático Galego, Fran Nuñez. Mercedes Rosón destacou que, con este festival, Santiago convértese na capital da dramaturxia a nivel autonómico, "con oito compañías que ao longo destes tres días presentarán o mellor do teatro do noso país".

Serán un total de seis espectáculos nos que participarán oito compañías. O festival comeza o venres, día 4, ás 20:00 h. no Teatro Principal, con "Programas de obras curtas", nas que estarán presentes as compañías Cavort, A Tequerreté e Hipócrita Teatro. O sábado, dous espectáculos: ás 20:00 h. no Teatro Principal, a compañía Atrezo-Fontevella presenta "Balneario da Condesiña"; e ás 18:00 h. no Salón Teatro, Teatro do Ar escenifica "Lume". O domingo, no Salón Teatro, sesión infantil ás 12:00 h. a cargo de Lohegrín, con "A mirada das bolboretas", e pola tarde ás 18:00 h. Ateaco representa "Final de película". O festival pecha as súas portas ás 20:00 h., no Teatro Principal, coa obra "A farsa de Maitre Pathelin", da compañía Tiruleque.

As representacións serán de balde, coincidindo co vinte aniversario do nacemento de FEGATEA, pero haberá que retirar as entradas dúas horas antes do espectáculo nas billeteiras do Teatro Principal e do Salón Teatro. Mercedes Rosón recorda que os aforos son limitados, a causa dos protocolos sanitarios decretados por mor da COVID19; e anima á cidadanía a acudir aos distintos espectáculos, nos que está garantida a seguridade do espectador coas medidas adoptadas. "Nós, no Teatro Principal, temos todo preparado, cos protocolos sanitarios pertinentes e con todas as garantías para recuperar a confianza do público", que cos espectáculos programados durante o verán "xa está prácticamente recuperada", subliñou. "Estamos convencidos", engadiu, que a nosa obriga é tirar para adiante e seguir traballando para que a cultura siga a xogar o papel determinante que a nosa sociedade esixe para disfrute e enriquecemento da cidadanía".

A FEGATEA
Esta XIX edición do Festival Agustín Magán enmárcase nas actividades programadas por FEGATEA para celebrar o seu vixésimo aniversario. A comunidade teatral galega, dentro do ámbito afeccionado, é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 52 grupos das catro provincias, constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.

Ao longo dos seus 20 anos de historia, a FEGATEA foi ampliando e consolidando un espazo propio para ao teatro afeccionado galego, organizando e colaborando en distintas actividades. Por unha banda, procurando a mellora da calidade do teatro amador a través da formación e da celebración das Xornadas de Teatro, un foro no que os compoñentes dos grupos teñen a oportunidade de coñecer, afondar, presentar ou debater sobre cuestións que afectan de cheo ó desenvolvemento da cultura teatral e á evolución, innovación e crecemento da propia Federación.

Por outra, estimulando a ampliación, diversificación e mellora dos espazos destinados ó teatro, creando unha programación teatral estable a nivel autonómico mediante a colaboración e a sinatura de convenios con entidades públicas e privadas (Consellería de Educación, gobernos municipais, AGADIC, asociacións sen ánimo de lucro...) e traballando na proxección nacional e internacional do teatro amador galego por medio da colaboración e intercambio con outras entidades nacionais e internacionais. Todo isto a través de actividades xa consolidadas como a Mostra Fegatea Móvete, o Festival Agustín Magán, o Circuíto Galego de Teatro e os festivais organizados ó abeiro da Plataforma Transfronteiriza PLATTA.

Compartir: