ALCALDÍA

O curso nas escolas infantís municipais comezará o martes 1 de setembro tralo resultado negativo das probas realizadas a todo o persoal

31/08/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, confirmou que as probas de detección da COVID-19 realizadas a todo o persoal das escolas infantís municipais o pasado sábado resultaron negativas, polo que o curso escolar poderá comezar mañá, martes 1 de setembro.

Os nenos e nenas das escolas infantís de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños poderán comezar o curso mañá martes, tralo resultado negativo de todas as probas realizadas ao persoal. O alcalde indicou que, salvo cuestión de última hora que poida xurdir entre hoxe e mañá, abriranse as escolas e as clases empezarán con normalidade.

No caso dos colexios de educación infantil e primaria, o rexedor lembrou que se está á espera das instrucións definitivas que dicte a Consellería de Educación o vindeiro día 7.

Positivos no Concello
Sánchez Bugallo indicou que, nestes momentos, se ten coñecemento de tres positivos por COVID-19 entre os traballadores do Concello. Dous deles son policías municipais que se contaxiaron estando de vacacións e que xa non se reincorporaron aos seus postos de traballo.

A terceira afectada é unha traballadora do departamento de persoal, caso que obrigou a poñer en corentena a todo o servizo e a aqueles traballadores que estiveron en contacto con ela. Non obstante, ese período remata hoxe e está previsto que todo o persoal afectado se reincorpore entre hoxe e mañá aos seus postos de traballo, tras coñecerse o resultado das probas, todas elas negativas.

Compartir: