CONSUMO

As comunidades de propietarios, protagonistas da primeira das charlas-coloquios organizadas pola OMIC

06/03/2007 Os actos de celebración do Día dos Dereitos das Persoas Consumidoras e Usuarias comezan o mércores 7 cunha charla sobre as comunidades de propietarios. O coloquio terá lugar no Centro Social e Xuvenil do Ensanche ás 20:00 horas. Intervirán a representante da Unión de Consumidores de Galicia (UGAL), Rocío Arnoso Moure, e o axente de propiedade inmobiliaria Rafael Rodríguez Rey. Hai que destacar que a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) vén de presentar unha publicación con información útil e práctica sobre este tema.

O Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche acollerá ademais outras dúas charlas-coloquio sobre diversos temas relacionados co consumo. Segundo indicou a concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos, estas sesións informativas pretenden "achegar información sobre os dereitos que asisten á cidadanía en materia de consumo e sobre as formas de facelos valer. Trataranse aspectos presentes na vida cotiá, como a aplicación da lei de garantías, a seguridade alimentaria ou as normas de que rexen as comunidades de propietarios", engadiu a edil nacionalista.

Na segunda charla, o 14 de marzo, a presidenta da Federación de Euroconsumo Galicia, Aurora Lamas, e a doutora en Bioloxía Patricia Reboredo, achegarán á cidadanía todos os aspectos relevantes sobre seguridade alimentaria. Finalmente, o 19 de marzo, a charla adicarase á Lei de garantías de bens de consumo. Intervirán sobre a mesma o secretario xeral de UGAL, Miguel López, e a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Filomena Casal.

Compartir: