PROMOCIÓN ECONÓMICA

Unha exposición abre as actividades de "Marzo, mes do comercio"

06/03/2007 Comezan as actividades de "Marzo, mes do comercio" co obxectivo de dinamizar o comercio compostelán despois do intenso periodo de rebaixas. As actividades programadas teñen unha dobre finalidade: dar protagonismo ao comercio nun mes no que xeralmente non o ten e sentar as bases dun programa que se repita no mes de marzo, recoñecéndolle ao comercio seu valor.

As distintas actividades que se desenvolverán teñen o obxectivo que o sector comercial acade o posicionamento que lle corresponde polo seu peso económico e social na cidade, sendo unha referencia de calidade tanto para os composteláns coma para os potenciais clientes da área de Compostela e de toda a euro-rexión Galicia-Norte de Portugal.

A programación arrinca o 8 de marzo coa inauguración, ás 21:00 horas, da exposición "Historia do Comercio Compostelán" na Fundación Torrente Ballester, situada na rúa do Vilar. A mostra permanecerá aberta ata o 9 de abril.

Historia do Comercio Compostelán reflictirá a historia do comercio en Santiago desde as súas primeiras manifestacións documentadas ata os anos 70. Estará composta por fotos, publicidade comercial, obxectos relacionados coa actividade comercial e paneis explicativos da importancia do sector na vida e na economía da cidade. Con esta exposición a Concellaría de Promoción Económica pretende achegar aos cidadáns os aspectos básicos da historia do comercio de Santiago e da súa importancia no desenvolvemento e crecemento da cidade, tanto a nivel económico como social.

Esta exposición é unha mostra da unión entre comercio e cultura desta campaña. Así, o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, apuntou que "a cultura e o comercio son dúas actividades que discorreron intimamente relaconadas ao longo dos séculos en Compostela".

De compras por Compostela

Outra exposición, "De compras por Compostela", plasmará en vinte instantáneas ubicadas na Praza Roxa o dinamismo do comercio compostelán, a través da ollada dos prestixiosos fotógrafos José Caruncho e Fran Herbello.

A exposición inauguraráse o 13 de marzo, ás 12:00 horas, e clausurarase o 9 de abril. Estará composta por vinteimaxes, dez de cada autor, de un metro de altura por un metro de longo, que reflictirán a forza e espírito que hoxe ten o comercio compostelán. As fotos empregaranse para desenvolver posteriores campañas publicitarias da Concellaría de Promoción Económica e Comercio.

Outlet Compostela

O 17 e o 18 de marzo celebrarase no recinto feiral de Amio a primeira feira de saldos que se leva a cabo en Santiago: "Outlet Compostela". Está previsto que dez mil persoas se acheguen ao recinto feiral para realizar as súas compras.

Tal como sinalou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, xa se pechou o prazo de inscrición por estar cubertas as previsions de 100 postos en base a capacidade do recinto. "Outlet Compostela", que se inaugurará o día 17 de marzo ás 13:00 horas, está dirixida a todos os establecementos comerciais de venda polo miudo, agás os de alimentación, que queiran reducir stocks. A participación é gratuita. No recinto feiral de Amio habilitarase un espazo lúdico para os máis pequenos, con coidadores especializados, para que os adultos merquen con tranquilidade.

Aprender mercando

Entre o 26 e o 31 de marzo desenvolverase "Aprende mercando", co obxectivo de iniciar aos máis pequenos no consumo responsable. Nesta actividade colaboran Supermercados Froiz e Mercadona. As duas cadeas de supermercados ofertarán os seus productos na recreación de dous mercados que se ubicarán na Fundación Torrente Ballester e no Centro Sociocultural do Ensanche.

Está previsto que os escolares de entre 9 e 12 anos acudan ás sesións organizadas para os centros educativos no marco de "Aprende mercando", unha actividade didáctica dirixida á formación dos futuros consumidores do comercio de Compostela na que tamén poden participar os pais.

Ciclo de conferencias Marzo, mes do comercio

Os días 26, 28 e 29 de marzo haberá tres conferencias na Fundación Caixa Galicia sobre o pasado, o presente e o futuro do comercio compostelán, co obxectivo de crear un espazo para a análise construtiva da realidade comercial de Santiago e o potencial da mesma no proceso de construción de cidade. A primeira conferencia "O pequeno comercio: perspectiva histórica e importancia na configuración dos espazos económicos actuais" terá lugar o día 26. A segunda, "Compostela: capital do comercio", desenvolverase o día 28, e a terceira, "O comercio na configuración da cidade futura", o día 29.

II Gala do Comercio Compostela, capital de compras

Este programa de actividades pecharase coa II Gala do Comercio Compostela, capital de compras, que terá lugar o 30 de marzo no Auditorio de Galicia. É a segunda gala de homenaxe ao comercio que se celebra en Santiago. Ten como obxectivos fortalecer os lazos entre os comerciantes de Compostela, recoñecer a súa laboura e transmitir a importancia do sector á cidadanía, tanto a nivel social como económico.

A gala será conducida pola presentadora galega Yolanda Vázquez. No transcurso da mesma emitirase un corto sobre a importancia do comercio en Santiago; homenaxearase a sete estabelecementos da cidade, A Casa dos Queixos, Calzados Severino, Confitería Las colonias, Joyería Malde, Farmacia Gómez Ulla, Quiosco do Toural e Ultramarinos Castro; e entregaránse os premios do III Concurso Municipal de Escaparatismo "SCQ Shopping" a Andrómenas e do Concurso de Imaxinación máis Comercio a Zürich SCQ. Os interesados en asistir poden inscribirse na páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio, www.maiscompostela.org

O programa "Marzo, mes do comercio" está organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio e pola Concellaría de Cultura, e patrocinado pola Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Industria e a Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Industria. Nel colaboran a Deputación de A Coruña, Caixa Galicia, La Caixa, Supermercados Froiz, Mercadona, as organizacións de comerciantes da cidade, Acotés, Compostela Monumental, Santiago Centro e Mercado de Abastos, a Cámara de Comercio e a Fundación Torrente Ballester.

Compartir: