EDUCACIÓN

Santiago acollerá unha xornada dedicada ao patrimonio lúdico galego

12/05/2005 Os participantes dos I Encontros Escolares Galegos de Xogos Tradicionais poderán probar e poñer en práctica os xogos galegos máis clásicos como o gato e o rato, a billarda, a porca ou a chave durante a xornada do 21 de maio.

O Parque de Bonaval e o CEIP Apóstolo Santiago son os lugares elixidos para os I Encontros Escolares Galegos de Xogos Tradicionais, que organiza Brinquedia, a Rede Galega do Xogo Tradicional en colaboración co Departamento de Educacion e Mocidade do Concello.

A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, sinalou a importancia de que os rapaces integren os xogos dos seus avós "aos patios de recreo", xa que constitúen un patrimonio colectivo e xogan un papel importante no desenvolvemento das súas habilidades físicas e mentais.

Pola súa banda, membros de Brinquedia fixeron fincapé na necesidade de introducir os xogos e crear espazos de xogo nas escolas, así como de conectar o interior da escola coa exterior, coa realidade onde se poñen en práctica esas tradicións que xa existían.

Brinquedia, que o pasado 27 de marzo deste ano, celebrou a súa Asamblea fundacional, quere ser a coordenadora galega de colectivos promotores dos xogos e deportes populares e tradicionais, "que desde hai unhas tres décadas veñen perdendo tradición", segundo sinalan desde a propia entidade. Nela están integradas asociacións, clubes, centros de ensino, empresas e concellos, co obxectivo de divulgar as súas actividades, realizar actividades formativas e divulgativas e promover a investigación do patrimonio lúdico tradicional.

Compartir: