ROLDAS DE PRENSA

O alcalde anima a cidadanía a desfrutar das festas con "seguridade e prudencia"

24/07/2020 Na véspera do día do Apóstolo, o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, queixo animar os composteláns e compostelás a desfrutar das festas, pero sempre con "seguridade e prudencia". Lembrou que "o virus segue aí", polo que pregou "manter as distancias e seguir utilizando a máscara".

A unhas horas de cumprirse sete anos do sinistro do Alvia 04155, Sánchez Bugallo dedicou unha "lembranza emocionada ás vítimas do accidente e ás súas familias". "Desgraciadamente –dixo- esta data estará sempre marcada polo recordo do acontecido esa noite".

En relación á programación das festas, indicou que "continúa con esta normalidade especial motivada polas actuais circunstancias". A propósito dos fogos desta noite, pediu desculpas, porque "sempre que hai cambios se intenta que haxa o maior número de beneficiarios, pero sempre hai alguén ao que se lle causa algunha molestia ou dificultade".

Indicou que o dispositivo de seguridade está listo e agarda que o espectáculo sirva para "o goce e desfrute da inmensa maioría dos que estamos en Santiago e para transmitir imaxe de certa normalización e confianza para todos os que nos queren visitar".

Sobre os actos institucionais do 25 de xullo, apuntou que tamén "estarán marcados pola nova normalidade", coa eliminación da revista militar habitual previa á Ofrenda, que este ano realizará o Rei Felipe VI no mosteiro de San Martiño Pinario. Logo da cerimonia, haberá unha "reducida recepción" no Pazo de Raxoi.

Estatuto de Capitalidade
Preguntado polo incremento do 3% da achega da Xunta de Galicia a Santiago de Compostela polo Estatuto de Capitalidade, afirmou que "non podo estar satisfeito", porque "vimos reclamando dende hai tempo un incremento máis substancioso", que cando menos "recupere a aportación de 2010, que era a metade do que aspirábamos". Con todo, recoñeceu que "nun escenario como o que estamos, calquera incremento é de agradecer".

Direccións relacionadas



Compartir: