CINEMA

Curtocircuíto consolídase como referente da proxección internacional de Compostela

06/03/2007 Chega unha nova edición de Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, consolidado xa como un dos referentes na proxección internacional da nosa cidade. Con esta edición de 2007 o evento aspira a confirmar tamén o seu papel no panorama do cinema internacional, particularmente no xénero da curtametraxe.

A este carácter internacional do Festival se referiu o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, encargado de erguer o telón que dá paso ás distintas seccións que integran este ano Curtocircuíto 07. O alcalde estivo acompañado na rolda de prensa polo responsable do Festival e concelleiro delegado de Turismo, Francisco Candela, así como por Tim Reford, director do Festival; Mamen Quintas, directora de produción do mesmo; Manuel José Fernández Iglesias, director xeral de Comunicación Audiovisual; e Teresa Porto, directora da Fundación Caixa Galicia.

Sánchez Bugallo salientou que "Compostela converteuse nos últimos anos nunha referencia no cine, pero tamén nunha referencia cara o cine". Referiuse a festivais como este e como Cineuropa e insistiu na dimensión internacional que xa acadou Curtocircuíto.

Por outro lado, Francisco Candela indicou que o Festival ten varios obxectivos: divulgar a importancia da curtametraxe como produto, especialmente entre o público xoven; impulsar a creatividade e fomentar a comercialización das curtas. "Santiago ten que competir a nivel internacional, porque esa é a nosa vocación e o proxecto desta cidade", apuntou.

Novas incorporacións no programa

A Compostela Curtocircuíto, Compostela Plató, Anacos, o concurso-obradoiro "Non te curtes", Curtocircuíto na Rúa, Obradoiros e Mercado Internacional de Curtametraxes, únense novas actividades dentro do Programa da cuarta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela. Trátase, por unha banda, do ciclo Cine para nenos, que se celebrará durante as datas da Semana Oficial do Festival –do 16 ao 20 de outubro-. O seu obxectivo é achegar aos máis cativos á cultura do celuloide en formato de curtametraxe e suporá a iniciación dos pequenos a esta manifestación cultural. Deste xeito, o cine incorporarase ás actividades lúdicas –e quén sabe se profesionais no futuro– de boa parte deles.

Outra novidade é a creación do Premio á Mellor Curtametraxe Galega, que se vén a sumar a listaxe de Premios da Sección Oficial Compostela Curtocircuíto, o concurso de curtas.

Este ano, Curtocircuíto incorpora ademais ao equipo organizativo do Festival, e en calidade de director do Festival, a Tim Redford. No seu currículum atópanse a dirección do Proxecto/festival en Signals Media de Colchester, no Reino Unido; a coordinación internacional do Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand; ou a coordinación do Xurado Internacional do Festival Internacional de Curtametraxes de Bristol, entre outras actividades.

Redford recordou o seu paso como profesional por Curtocircuíto, destacou a súa calidade e cualificouno como "especial". Apuntou que o Festival xa está na redes internacionais das curtas e confirmou o obxectivo de situalo no ámbito competitivo internacional.

A semana oficial

Os oito meses que ven durando o conxunto das actividades do Programa, culminan na terceira semana de outubro. Será entre os días 16 e 20 ámbolos inclusive, coa celebración da Semana Oficial do Festival, que inclúe os obradoiros, o concurso-obradoiro "Non te Curtes", e o Mercado Internacional. Tamén se entregarán os cinco premios de Compostela Curtocircuíto e o Premio do Público á curta máis votada en Curtocircuíto na rúa. A entrega terá lugar ao longo da Gala dos Premios, o sábado 20 de outubro.

Os prazos

O 12 de marzo ábrese o prazo para enviar os guións de curtas para a sección Compostela Plató, que se pechará o 27 de abril. O guión gañador, constituirá a curta que se rode entre o 4 e o 10 de xuño. A condición, coma sempre, é que o escenario de rodaxe sexa Santiago de Compostela. Nesta edición, a organización fomentará o contacto dos guionistas con produtores galegos, coa fin de lograr que se leven adiante algúns outros proxecctos, ademais do financiado polo Curtocircuíto.

Dende o 2 de abril, poderanse enviar xa as curtametraxes que integran Compostela Curtocircuíto. O prazo para a remisión rematará o 30 de xuño. O mesmo 2 de abril tamén se abre o prazo de inscrición para todos aqueles autores individuais ou colectivos, empresas e institucións que queiran participar e beneficiarse do Mercado Internacional de Curtametraxes. Este evento pon á súa disposición contactos con distribuidoras, compradores e outras vantaxes para a compra-venda de curtametraxes. A este Mercado están convidados importantes distribuidoras e axentes de ámbito internacional. Este prazo de inscrición remata o 12 de setembro. Para facilitar aínda máis este labor celebrarase un obradoiro que amosará as claves fundamentais que rexen nestes contactos comerciais.

Compartir: