FESTAS E SEGURIDADE CIDADÁ

Seguridade nas festas do Apóstolo e recomendacións (24 e 25 de xullo)

23/07/2020 Por motivos de seguridade, restrinxirase o acceso á praza do Obradoiro na mañá do 25 de xullo, durante os actos da Ofrenda ao Apóstolo, así como á igrexa de San Martiño Pinario (aproximadamente entre 10:00 e as 14.00 horas). Acoutarase un espazo para o público ao que se poderá acceder, pola rúa de Fonseca, ata que se complete o aforo permitido. En todo caso, non se poderá entrar con bolsos ou mochilas de gran tamaño. As rúas da zona vella polas que transcorra a comitiva ata chegar á igrexa de San Martiño Pinario sufrirán restricións puntuais ata o remate o evento.

Este mesmo día e por mor das manifestacións que sairán da Alameda, recoméndase aos/ás condutores/as evitar o entorno da praza de Galicia entre as 11:30 e as 14:30 horas.

24 de xullo
Con motivo da celebración do espectáculo pirotécnico dos fogos do Apóstolo en oito puntos da cidade, haberá restricións circulatorias e de estacionamento nos puntos de lanzamento e áreas próximas aos mesmos. Cómpre lembrar que os fogos se lanzarán dende Santa Susana (Alameda), parque de Carlomagno (Fontiñas), Cidade da Cultura, parque da Almáciga, Monte de Deus (Vite), parque de Eugenio Granell, Granxa do Xesto e parque de Luis Pasín (Conxo).

ACTUALIZACIÓN: Ante as condicións de risco extremo de incendio, suspéndese o lanzamento dos fogos do Apóstolo dende dous dos puntos previstos: Granxa do Xesto e Monte de Deus

Quedará establecida unha zona de protección de 120 metros ao redor de cada punto de lanzamento, razón pola cal, nos ámbitos que queden dentro deste perímetro non se poderá estacionar a partir das 8:00 horas do venres 24, aspecto este que se comunicará durante estes días previos a través de carteis informativos e notas nos parabrisas. Este perímetro estará debidamente sinalizado mediante valos e cintas. Esta prohibición de estacionamento adquire especial importancia na bolsa de estacionamento da Almáciga.

Tamén se informará á veciñanza e locais próximos da prohibición de entrar nas respectivas áreas de protección e de saír e entrar das súas vivendas entre as 23:00 e as 24 h deste venres 24.

En canto á circulación, quedará prohibido o acceso de vehículos ao Monte Pedroso (tanto dende Brins como dende a estrada de Figueiras) a partir das 16:00 h do venres 24. Tamén dende as 16:00 h quedará prohibido o acceso rodado á Granxa do Xesto.

No resto de zonas de seguridade dos puntos de lanzamento estableceranse restricións de acceso, estancia e tránsito a partir das 23:00 horas (30 minutos antes do inicio do espectáculo), que estarán debidamente sinalizados e con presenza de axentes da Policía Local, que indicarán os correspondentes desvíos e prohibicións.

Recomendacións
O Departamento de Mobilidade e Seguridade Cidadá pide á cidadanía que respecte as indicacións da Policía Local e a sinalización, evitando circular polas zonas afectadas polos cortes e retirando coa debida antelación os vehículos das áreas de prohibición de estacionamento, xa que, de non facelo, serán retirados pola grúa municipal. Especialmente, solicítase que se respecte, por razóns de seguridade, a zona de protección delimitada por valados e cintas.

Ademais, prégase evitar as aglomeracións e cumprir con todas as normas de seguridade para a prevención da Covid-19, tales como o uso obrigatorio da máscara ou o respecto ás distancias de seguridade.

Compartir: