FESTAS

As festas do Apóstolo traen esta fin de semana á Quintana a música de Aretha Soul Divas & The Silverbacks e de Broken Peach

17/07/2020 Despois da apertura do Apóstolo co pregón e coa música de Nakany Kanté e A Banda de Nash, a primeira fin de semana das festas trae unha completa programación, na que destacan as actuacións na praza da Quintana de Aretha Soul Divas & The Silverbacks (sábado) e de Broken Peach (domingo).

A xornada do sábado arrincará coas alboradas a cargo da Asociación Cultural Pana Raiada (10:00 h). Tamén pola mañá, ás 12:00 h, a compañía Rilo & Penadique pon en escena na Alameda a súa proposta de narración oral e música O pozo da señoras.

Xa pola tarde, tamén na Alameda, continuará o XLII Torneo de Chave e chegará a primeira das propostas familiares e circenses. Será coa compañía Sempre Arriba, que ás 19:00, presenta o seu espectáculo de clown e aéreos C’est pas possible.

Unha proposta diferente é a do Teatro Principal (20:30 h), cunha singular proposta de música e danza titulada Mercedes mais eu, con Janet Novás e Mercedes Peón. As entradas están á venda en www.compostelacultura.gal e no despacho de billetes do Teatro Principal).

Media hora despois (21:00 h) comezará no parque de Galeras o concerto de Mad Martin Trío: High Energy Rock-a-Billy. E na praza da Quintana, ás 22:00 h, noite de soul con Aretha Soul Divas & The Silverbacks. O calendario musical da xornada pecharase ás 22:30 h, no parque de Bonaval, cun concerto de "16 mm".

Domingo
As alboradas deste domingo (10:00 h) corresponderán aos Enxebres de San Lázaro, abrindo así unha xornada que terá teatro na Alameda, da man de Culturactiva Producións e o seu espectáculo Saaabor!.

O programa musical arrinca ás 20:00 h no parque de Bonaval con Antía Muíño, e continúa ás 21:00 h no parque de Galeras con Lou Reyes & The Rockin Corsarios. O concerto central da Quintana contará ás 22:00 h coa presenza de Broken Peach, unha banda de ecléctica en canto a estilos que imprime un toque moi persoal ás súas cancións.

Luns
A nova semana festiva abrirase o luns, ás 19:00 h, cun carrusel musical a cargo de Pirilampo no parque de Galeras (19:00 h), e co espectáculo Fuliada na Vila "Do blues ao alalá", con Richi Casás e toda a súa banda (22:00 h na praza da Quintana).

Reserva de entradas
Cómpre lembrar que para todas as actividades, que son de balde (agás a do Teatro Principal), hai que facer unha reserva, a través da web reservas.gal, para así ter un control dos aforos e poder garantir as distancias de seguridade. As reservas seguen activas e xa son moitos os espectáculos que esgotaron as entradas. A todas estas actividades hai que acudir cunha antelación de 30 minutos e coa máscara, que é obrigatoria.

Compartir: