MULLER

Compostela celebrará o Día Internacional da Muller con diversos actos conmemorativos

05/03/2007 O Concello organizou unha serie de actos con motivo da celebración, o xoves 8 de marzo, do Día Internacional da Muller. O calendario de actos, que suporá un investimento de 4.941 euros, comezará nesa mesma xornada coa entrega do Premio Xohana Torres 2006, nun acto que se celebrará ás 20:30 horas en Raxoi.

Precisamente, a Xunta de Goberno local aprobou o convenio de colaboración entre o Concello e a Universidade de Santiago (USC) sobre a convocatoria, tramitación e concesión do Premio Xohana Torres 2007, dotado coa cantidade de 3.000 euros. Con este galardón recoñécese o mellor traballo de investigación referido a calquera aspecto social, histórico ou humano da muller dentro da comunidade galega. O prazo de presentación dos traballos comezará o 8 de marzo e rematará o 31 de decembro.

Os actos conmemorativos continuarán o venres 9, coa homenaxe, no Hostal dos Reis Católicos, a nove científicas e investigadoras que desempeñan a súa actividade profesional en Santiago. As homenaxeadas serán: María Isabel Cadavid Torres, Carmela Capeáns Tomé, María Tarsy Carballas Fernández, María Graña Barcia, María Victoria Lareu Huidobro, Josefina F. Ling Ling, María Cruz Mato Iglesias, María Inmaculada Paz Andrade e María del Carmen Porto Vázquez.

Con este acto, o Concello quere recoñecer o labor destas mulleres científicas e investigadoras que están a desempeñar un papel decisivo na xeración de coñecemento na nosa cidade, así como salientar a cada vez maior presenza feminina en postos de relevancia en todos os ámbitos da vida.

As actividades continuarán os días 10 e 11 de marzo, coa celebración na Praza da Quintana da I Feira Medieval da Muller Artesana, unha iniciativa que quere ser unha homenaxe ás mulleres que desempeñan o seu traballo neste ámbito.

Finalmente, o luns 12, ás 20:30 horas, haberá unha representación da obra "Rotas", a cargo de Pífano Teatro. Acontecerá no Teatro Principal e a entrada será de balde. Logo do espectáculo, celebrarase un debate público sobre o tema da violencia de xénero.

Información ás mulleres

Tamén na área da Muller, a Xunta de Goberno ratificou o convenio de colaboración entre o Concello e o Servizo de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para a prestación do Servizo de Información ás Mulleres e Promoción da Igualdade. O acordo permitirá achegar 30.000 euros para gastos correntes e de persoal do Centro de Información ás Mulleres do Concello de Santiago.

Convenios de Benestar Social

O Goberno local aprobou a sinatura de diversos convenios entre o Concello e diversas entidades sobre materias sociais, e a aprobación dos correspondentes gastos. Os acordos subscribíronse coa Fundación Secretariado Xitano, para o programa Acceder (20.000 euros); coa Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home Galicia (30.051); con Cáritas Interparroquial (36.060), coa Universidade de Santiago, para o "Programa ruptura de parella non de familia" (7.000); coa Asociación de Avoas de Pontepedriña (2.103); coa Cruz Vermella (9.015); coa Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS) (3.005); e co Voluntariado Social Rogas (2.103).

Compartir: