ALCALDÍA

Reabre o Camiño Inglés cun acto no que se destaca a seguridade da ruta e cunha andaina polos concellos que atravesa

04/07/2020 Os concellos da Asociación do Camiño Inglés, entre os que se atopa Santiago, déronse cita en Sigüeiro, nun acto que tiña como obxectivo ser o punto de arranque da reactivación da peregrinación por unha ruta que se abre como "camiño seguro" despois do coronavirus. Durante a súa intervención, o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, amosou a súa satisfacción porque "vemos que, en termos relativos, os camiños que máis están crecendo nos últimos anos son o Camiño Portugués e o Camiño Inglés", que o ano pasado medrou un 11%.

O rexedor lembrou que hai uns 150 concellos de Galicia que son atravesados por diferentes Camiños de Santiago, "e eses camiños actúan como un motor de reactivación social e económica" destes municipios. Engadiu que a evolución das rutas xacobeas nos últimos anos "ten demostrada unha enorme estabilidade e unha enorme capacidade de crecemento", incluso na anterior crise económica.

Sánchez Bugallo rematou a súa intervención cualificando a peregrinación a través dos diferentes camiños coma "un valor sólido, estable, un valor polo que podemos apostar, e un valor que nos axuda a integrarnos co resto de Europa, co resto do mundo, pola súa universalidade; pero tamén entre nós. Por exemplo, paréceme moi positivo contar coa Asociación do Camiño Inglés, que nace da propia iniciativa dos concellos".

No acto, que se celebrou baixo o lema, "Camiño Inglés seguro", tamén interviron, por este orde, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Estaban presentes, ademais de distintos alcaldes de municipios polos que atravesa a ruta, o concelleiro de Turismo de Santiago, Sindo Guinarte, e a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira.

Andaina "Primavera no Camiño"
Despois do acto, os/as representantes dos distintos concellos trasladáronse aos seus respectivos municipios para facer un tramo do Camiño Inglés, baixo o lema "Primavera no Camiño". O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; os concelleiros de Turismo, Sindo Guinarte; de Medio Rural, José Manuel Pichel; e de Deportes, Esther Pedrosa; e a edil do PP María Antón, entre outros/as asistentes, percorreron o tramo comprendido entre a rúa das Mulas, no Polígono do Tambre, e a praza do Obradoiro. Tanto esta andaina, como o acto anterior teñen como finalidade revitalizar o Camiño Inglés no actual contexto de crise económica.

O Camiño Inglés transcorre por 18 concellos da provincia: Ferrol, Narón, Neda, Fene Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago de Compostela. Todos eles, a excepción de Cambre e Culleredo, están integrados na Asociación.

Compartir: