EDUCACIÓN

Ballet estudio presenta o primeiro conto bailado co texto en galego

12/05/2005 O espectáculo poñerase en escea o venres 13 de maio ás 10.30 e o sábado 14 de maio ás 12 horas. A entrada é de balde, previa retirada nas taquillas do Teatro Principal o mesmo día do acto, en horario de 10 a 12, ata completar o aforo.

Dentro do Programa de Aproximación á Danza para escolares que organiza a Concellería de Educación, a compañía de danza Ballet Estudio poñerá en escea "Beto percorre o mundo", un conto do que poderán disfrutar os rapaces o 13 e o 14 de maio. Este proxecto púxose en marcha con motivo do Día das Letras Galegas, pois trátase do primeiro conto bailado co texto en galego, e que está dirixido a todas as idades, segundo sinalou a concelleira de Educación Elvira Cienfuegos.

Durante a rolda de prensa de presentación do espectáculo, unha das directoras do espectáculo, María Dolores Mayán, fixo fincapé no valor educativo da danza, que neste espectáculo concreto se ve representado en vinte coreografías diferentes de todos os estilos, desde o ballet clásico ata a danza moderno.

Os perto de 80 nenos que participarán neste espectáculo poderán amosarllo aos seus compañeiros de clase, co obxectivo de estimulalos e impulsalos a que eles tamén se animen a probar o baile. En concreto, Dolores Mayón fixo un chamamento aos rapaces varóns, posto que só hai un no corpo de baile, recalcando que o home estivo sempre presente ao longo da historia da danza.

Documentos relacionados



Compartir: