CENTROS SOCIOCULTURAIS

Arrinca "Vive o verán" nos centros socioculturais

30/06/2020 Esta semana, coa chegada do mes de xullo, arrinca a programación de Vive o verán nos centros socioculturais do medio urbano. Ademais das actividades previstas para as mañás nos centros socioculturais das Fontiñas, O Romaño, A Trisca, O Castiñeiriño, Santa Marta, Conxo e O Ensanche, preparouse un calendario de actividades complementarias, algunhas das cales aínda teñen prazas dispoñibles.

Estas actividades paralelas comezan mañá mércores ás 18:00 horas, cunha ruta en bicicleta polos canóns do río Tambre, incluída na edición para adultos do programa "Pedalea Compostela". O percorrido, para maiores de 14 anos e con dificultade media, conta con dez prazas, que aínda non se cubriron na totalidade.

O segundo percorrido será o do "Bosque animado": o mércores 8 de xullo, ás 18:00 horas, saíndo do CSC da Gracia (rúa de San Silvestre, 6).

Ademais, a vindeira semana comezan as rutas infantís de "Pedalea Compostela", actividade coa que se fomenta o uso da bicicleta para nenos/as de 6 a 12 anos. A primeira rota, o martes 7 de xullo, a partir das 10:30 h, terá como punto de encontro o CSC de Verdía (estación de tren). En caso de choiva suspenderíase a actividade.

Visitas e obradoiro no Museo do Pobo Galego
Aínda quedan prazas para participar a vindeira semana nas visitas didácticas organizadas no Museo do Pobo Galego. Por unha parte están os obradoiros "Lupo", en torno á figura de Domingo de Andrade, arquitecto responsable da reforma barroca do convento de Bonaval. Este taller celebrarse os días 7 e 8 xullo de 11:00 a 12:30 h e está dirixido a nenos e nenas con idades entre os 10 e os 12 anos. Hai catro quendas dispoñibles, con 15 prazas en cada unha delas.

Outra actividade no Museo do Pobo Galego é "Barrococó", un espectáculo presencial de narración oral e musical a cargo da compañía Rilo & Penadique, para achegar o mundo de Domingo de Andrade aos mais pequenos e pequenas. A cita é o xoves 9 de xullo ás 12:30 horas. Hai 20 prazas dispoñibles.

A inscrición en todas estas actividades pode realizarse chamando ao CSC das Fontiñas (981 528 750).

Paseos de barrio
Tamén arrincan os "Paseos de barrio". Así, o xoves 9 de xullo, a partir das 10:00 h, os/as participantes percorrerán a pé a ruta dos lavadoiros, duns sete quilómetros e dun nivel doado. O punto de encontro será a antiga estación de Cornes. A inscrición, chamando ao CSC de Santa Marta (981 543 017).

Verán no rural
Con xullo tamén comeza Verán no rural, o programa de conciliación que se desenvolverá ao longo do mes en seis centros socioculturais do rural compostelán. Este programa de conciliación está destinado a nenos e nenas nados entre os anos 2008 e 2015. Entre as 10:00 e as 14:00 horas, os/as participantes desfrutarán de actividades lúdicas, xogos cooperativos, actividades predeportivas, etc. Xa se cubriron todas as prazas e mesmo hai lista de agarda en varios centros.

Direccións relacionadas



Compartir: