MODERNIZACIÓN DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

O Concello de Santiago organiza un webinario sobre a resposta tecnolóxica e innovadora municipal aos retos da cidade

29/06/2020 O martes 7 de xullo, ás 10:00 horas, o Concello organiza unha webinar informativa na que se presentarán as conclusións sobre solucións tecnolóxicas innovadoras, froito da escoita ao mercado realizada no proxecto Smartiago, para responder aos retos de mobilidade intelixente e sostible, xestión sostible e intelixente dos residuos sólidos urbanos e alumeado ornamental intelixente para á conservación do patrimonio da cidade de Santiago de Compostela. Esta actividade conta co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

A sesión que contará con expertos en tecnoloxías innovadoras e persoal técnico do proxecto Smartiago, que avanzarán os próximos pasos do proxecto. A sesión é aberta a calquera persoa interesada e a inscrición pode realizarse a través do formulario habilitado na web do proxecto.

Cidade pioneira na compra pública innovadora
O Concello de Santiago segue avanzando no proxecto Smartiago, coa estratexia de responder aos retos da cidade a través da tecnoloxía e a innovación. Por iso, realizou un proceso de consulta aos axentes de I+D+i locais, rexionais e nacionais, cuxo resultado será a posta en marcha da primeira compra pública de innovación dunha cidade patrimonio en España.

Os resultados desta consulta preliminar ao mercado e os próximos pasos do proxecto, coñeceranse o martes 7 de xullo na webinar "Tecnoloxía e innovación como resposta aos retos dunha cidade patrimonio: a Compra Pública de Innovación de Santiago de Compostela", que se desenvolverá de 10:00 a 12:00. O evento poderá seguirse a través de Zoom webinars.

Direccións relacionadas



Compartir: