FESTAS

Continúa "Prima20" co comercio na rúa e máis actividades para todos/as durante a fin de semana

26/06/2020 Prima20, a festa do comercio local, continúa esta fin de semana cos establecementos sacando os seus produtos á rúa e actividades para todos os públicos, animando así as compras e o consumo tras o parón do confinamento. A entrada para as actividades é de balde, pero hai que reservala como medida de control de aforo e garantía das distancias de seguridade. A reserva pode facerse a través da web comerciolocal.gal ata as 10:00 horas do día no que se celebra a actividade.

A xornada do sábado terá circo, narracion oral, teatro e moita música, con ata 13 accións en total. Para comezar, a praza de Cervantes acollerá a última entrega dos obradoiros de ourivaría, repuxado de prata e talla de acibeche dende as 12:00 ás 20:00 h. Tamén ao mediodía, cinco propostas en cinco espazos diferentes: na praza da Mercé (Conxo), SU.MA, con "Ikigai" (danza-circo); no CSC de Santa Marta, Xarope Tulú, con "O cardume" (narración oral e música); en Área Central, pasarrúas con Catropés (pasarrúas); na praza da Quintana, Inventi Teatro, con "A tropa do Dr. Milagre" (teatro); e no xardín do Pazo de Amarante, Rilo & Penadique, con "O pozo das señoras" (narración oral e música).

Xa pola tarde, as actividades trasládanse ás 18:00 h á Colexiata de Sar, onde Circo Chosco estará co seu espectáculo "Riscando o ceo"; ao CSC do Romaño, onde Rilo & Penadique mesturarán narración oral e música en "A formiga no carreiro"; á Alameda, na que SU.MA ofrecerá unha nova entrega de "Ikigai"; e á praza da Constitución, con Teatro Ghazafelhos representando "Acuario".

Unha hora despois (19:00 h), o parque de Galeras acollerá o espectáculo circense "Jano sen medidas", de Jano Costas, e os Muiñeiros do Sarela farán un pasarrúas por Conxo e O Ensnache. A xornada do sábado pecharase ás 20:00 h no parque da Música, con Oîma presentando o seu traballo "Alá!".

Domingo 28
O calendario de Prima 20 inclúe outras tres propostas para o domingo 28. Ás 18:00 h, na Alameda, Fantoches Baj unirá narración e música no seu espectáculo "Rodarirrodari", e unha hora despois (19:00), o parque de Galeras será o escenario da última representación teatral de Antón Coucheiro, "Cigânì Zen%". O peche musical da xornada será na praza da Quintana (20:00 h), onde Davide Salvado nos presentará o seu novo espectáculo, "Amarelo".

O sábado, no barrio de San Pedro
Pero a Prima20 aínda lle queda unha última entrega no barrio de San Pedro o sábado 4 de xullo. Alí estarán Charo Pita co seu "Menú de contos" (12:00 h, na praciña da igrexa de San Pedro); As Armadanzas, co obradoiro "As armadanzas na punta do pé" (18:00 h, no campo da Angustia; e os Muiñeiros do Sarela, que animarán San Pedro e Concheiros cun pasarrúas a partir das 19:00 h.

Direccións relacionadas



Compartir: