TURISMO

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade lanza o seu segundo vídeo de promoción turística para o mercado nacional

25/06/2020 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade lanza hoxe o segundo vídeo da campaña de promoción turística dirixida ao mercado nacional. "Estámoste esperando" é o lema do vídeo producido por Readmore Films e que convida a redescubrir 15 cidades españolas con séculos de historia que este verán potencian o seu atractivo con novas medidas de seguridade e múltiples experiencias para gozar dos seus monumentos, dos seus eventos culturais, dos seus espazos naturais, da súa gastronomía e do seu ambiente de cordialidade e optimismo.

O presidente do Grupo e alcalde de Eivissa, Rafael Ruiz, destacou que "este verán temos a grande oportunidade de coñecer as cidades españolas que conformamos o Grupo Patrimonio da Humanidade, para descubrilas e querelas aínda máis. As nosas 15 xoias, que son as Cidades Patrimonio da Humanidade, son lugares repletos de historia, de monumentos e de tradicións, pero tamén cidades de cultura, de amabilidade e de beleza, onde os viaxeiros van atopar a tranquilidade e a seguridade que esperan e tamén moitísimas propostas interesantes para todos os públicos. As Cidades Patrimonio están preparadas, para que todos podiamos gozar como nos gusta e como nos merecemos, tras esta etapa tan dura".

Rafael Ruiz engadiu que "o lanzamento deste segundo vídeo coincide cunha campaña publicitaria no mercado nacional, que é a máis potente que se levou a cabo na historia deste Grupo, para que se coñezan mellor as 15 cidades e tamén os eventos que se van a celebrar, como por exemplo A Noite do Patrimonio, que terá lugar o sábado 12 de setembro de forma simultánea nas 15 cidades". A campaña, que se estenderá ao outono, inclúe reportaxes en revistas de viaxes, suplementos de xornais, portais de reservas de viaxes, televisión e soportes exteriores en Madrid, Bilbao e Valencia.

Este segundo vídeo dun minuto mostra o momento no que volven acenderse as luces de edificios emblemáticos e as imaxes énchense dos sorrisos de benvida aos viaxeiros e viaxeiras por parte de persoas das distintas cidades e de sectores como o da hostalería. No clip aparecen entidades colaboradoras, como Paradores ou Renfe. A versión en inglés distribuirase en todas as consellerías de Turismo das embaixadas de España a través de Turespaña para o mercado internacional.

"Queremos que esa primeira viaxe sexa tal e como a soñaron. Sabemos que os españois están a desexar facer as maletas, pero tamén que queren viaxar preto, aloxarse en lugares con todas as garantías de seguridade e gozar de contornas naturais e culturais non masificadas, que son un privilexio para todos nós. Por iso máis que nunca, este verán é o momento de gozar das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade", concluíu o presidente.

Compartir: