PLENO

O Concello de Santiago aproba unha declaración institucional con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBIA

25/06/2020 Na sesión ordinaria do Pleno celebrada este xoves, a Corporación aprobou por unha declaración institucional con motivo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBIA. Tamén se deu o visto bo á adhesión de Santiago de Compostela á Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030, impulsada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Na declaración institucional lémbrase que o Orgullo deste ano 2020 diríxese á loita pola igualdade das mulleres LBT co lema "2020, Mulleres LTB: Sororidade e Feminismo", polo que o Concello de Santiago súmase a esta reivindicación, dado que "dentro do colectivo LGTBIA, as mulleres están a ser as grandes invisibilizadas e nalgúns casos ata esquecidas. Nomeadamente, as mulleres transexuais son presas dunha dobre discriminación e desigualdade, por seren mulleres e trans, e atopan especiais dificultades á hora de incorporarse ao mercado laboral".

"Non debemos permitir que se borre da memoria histórica do activismo LGTBIA a todas esas mulleres lesbianas, transexuais e bisexuais que durante tanto tempo loitaron man a man cos seus compañeiros para conseguir unha sociedade na que todas as persoas tiveran dereitos e igualdade real. Non podemos esquecer a todas aquelas que foron perseguidas e represaliadas por iso, todas esas Elisas e Marcelas das que hoxe podemos sentir orgullo. Porque a loita LGTBIA non é máis que a loita pola consecución de dereitos plenos para todas as persoas, sen discriminación; a loita polo dereito a que cada persoa poida vivir a súa vida como desexa, sen etiquetas nin impedimentos", di a declaración.

Por todo isto, dende o Concello considérase preciso "traballar na nova realidade que chegou coa pandemia en aras de construír unha sociedade máis libre e igualitaria, que destrúa os estereotipos que acompañan ás persoas LGTBIA. Debemos facer transversal unha cultura da diversidade, que asuma que a identidade e a orientación sexual non poden ser obxecto de discusión, estigmatización ou sinalización".

Finalmente, na declaración apóstase por "reconsiderar o sistema normativo, a fin de darlle pleno cumprimento ao mandato constitucional de igualdade, proscribindo toda discriminación por razón de xéneros, e por iso faise necesario actualizar, entre outras, a Lei pola Igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais e considerar unha Lei Trans Galega".

Adhesión á Rede Municipal para a Axenda 2030
Outro dos acordos da sesión foi a aprobación da adhesión de Santiago de Compostela á Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030, impulsada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Entre os obxectivos desta rede está traballar para que as propostas de actuación para facer fronte á Covid-19 poidan aliñarse cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Tamén se pretende favorecer a coordinación de actuacións entre os gobernos locais, permitindo alcanzar mellores resultados na implementación da Axenda 2030 nos municipios e provincias, a través da localización e desenvolvemento dos ODS no ámbito local.

A adhesión recibiu o voto favorable de PSdeG-PSOE, PP e CA, coa abstención do BNG.

Modificacións de crédito
Cos votos favorables de PSdeG-PSOE e PP e coa abstención de CA e BNG, o Pleno deu o visto bo a unha modificación de crédito, por un importe total de 182.019 euros, para o financiamento de varias obras de mellora en instalación deportivas do municipio: acondicionamento da praza de acceso ao campo de fútbol de Santa Isabel; substitución da rede de fontanería do Estadio Municipal de San Lázaro; pulido e vernizado da tarima de parqué do pavillón de Fontiñas; mellora da iluminación dos campos de fútbol de Villestro e Belvís; e subministración de desfibriladores para varias instalacións deportivas municipais.

Outro cambio orzamentario validado pola Corporación, por importe de 90.998 euros, está destinado ao programa de aparcadoiro para facilitar as compras dirixido ao conxunto do comercio local compostelán. A votación foi igual que a do anterior punto.

Proposicións
No capítulo de proposicións, aprobouse unha presentada polo grupo do BNG para crear un servizo municipal de asesoramento, orientación laboral e apoio LGBTI. A proposta saíu adiante coa abstención do PP e o voto a favor do resto de grupos municipais.

Seguindo coas proposicións, tamén se aprobou unha presentada por Compostela Aberta, solicitando a peonalización da praza de Mazarelos, limitando a circulación a residentes e a transporte de mercancías e suprimindo tamén as prazas de aparcamento existentes neste ámbito. Argumentan que "neste punto da zona histórica resulta especialmente complicada a convivencia entre as persoas e os vehículos, non so pola circulación senón tamén polas prazas de aparcamento existentes neste ámbito. De feito, a maioría dos vehículos privados que circulan por este ámbito fano procurando unha praza de aparcamento".

Votaron a favor PP (que introduciu unha emenda), CA e BNG, mentres o grupo socialista optou pola abstención. Para falar desta cuestión interveu ao inicio do Pleno Roberto Almuíña, en representación da Asociación de Veciños Fonseca.

A terceira das proposición aprobada na sesión deste xoves foi a presentada polo PP para "asegurar, consonte a un procedemento obxectivo, proporcional e rotatorio, nas mesas de contratación dos grupos municipais". Tamén se solicita que os centros xestores remitan aos grupos municipais os estudos económicos bases das licitacións e os pregos de condicións, neste caso con 15 días cando menos de antelación ao seu paso pola Xunta de Goberno. Finalmente, demándase que a Concellaría de Facenda e Contratación "identifique aqueles contratos de prestacións similares, reiterados e previsibles, que ata o de agora se tramitaban como contratos menores e que resultan susceptibles de seren tramitados a través de procedementos que garantan unha maior concorrencia competitiva". Votaron a favor o grupo propoñente, CA e BNG, mentres que se abstivo o PSdeG-PSOE.

Mocións
No capítulo de mocións, aprobouse a presentada por CA instando ao Concello a "elaborar, en colaboración cos colectivos de artistas de rúa da cidade unha programación que habite os paseos e outros lugares do parque da Alameda con espectáculos de circo, danza e outras artes vivas durante a segunda quincena do mes de xullo". Ademais, solicítase que esta programación teña "unha dimensión de celebración e posta en valor da arte de rúa como espazo identitario da cultura municipal" e que se realice "un acto de recoñecemento ao labor continuado dos colectivos de artes de rúa composteláns". A moción recibiu o voto favorable de PSdeG-PSOE, CA e BNG e a abstención do PP.

A proposta do BNG e cos votos favorables do grupo propoñente, do PSdeG-PSOE e de CA, e coa abstención do PP, aprobouse unha moción solicitando a posta en marcha dun plan de actividades extraescolares e de conciliación en todas as parroquias, de acordo coa comunidade educativa, durante todo o ano. Tamén se demanda que "mentres non se aplique e as ANPA continúen a suplir boa parte deste cometido, o Concello colaborará na posta a disposición dos centros e instalacións municipais para desenvolver as actividades, en labores como limpeza e desinfección dos mesmos, e dará facilidades que se requiran para a concesión de bolsas destinadas a familias con poucos recursos".

O Partido Popular formulou varias mocións que tamén foron aprobadas. Unha delas foi a de apoio a unha iniciativa lexislativa contra a ocupación ilegal de vivendas, ratificada cos votos de populares e socialistas, que emendaron a moción, e coa abstención de CA e BNG.

A segunda moción popular reclama traballos de conservación, mellora e mantemento na área recreativa da illa do Refuxio, no curso do río Tambre, axeitándoa para o baño e o lecer. Tamén se aposta por instar á Xunta e á Deputación para a súa colaboración económica, e pola sinalización e difusión desta área natural. Votaron a favor todos os grupos municipais.

A última moción popular mostra o pesar e condena polos actos acontecidos na Capela Universitaria o pasado 12 de xuño, manifestando igualmente "o respecto polos sentimentos e as crenzas relixiosas, calquera que estas sexan". Esta proposta foi aprobada por unanimidade.

A sesión plenaria comezou cun minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero e polas vítimas da Covid-19. Ademais do representante da Asociación de Veciños Fonseca, tamén tomou a palabra Ricardo Méndez, en representación do Comité de Empresa de Urbaser, en relación a unha pregunta formulada no pleno polo BNG.

Compartir: