XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno inicia a licitación das obras de renovación do céspede e do peche perimetral do campo de fútbol das Cancelas

25/06/2020 Nunha sesión extraordinaria celebrada este xoves, a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente e abriu o procedemento para adxudicar as obras de renovación do campo de fútbol das Cancelas. Tamén iniciou os trámites para adxudicar a rehabilitación enerxética de diversos inmobles municipais.

En canto ao campo das Cancelas, o Concello acometerá a renovación do céspede sintético e do peche perimetral do recinto. O tipo de licitación é de 439.999 euros (IVE incluído).

Tamén en materia de Deportes, a XGL acordou a continuidade do actual servizo de limpeza e desinfección de dispositivos de auga quente sanitaria e auga fría de consumo humano para o control e prevención da contaminación por lexionela nas instalacións deportivas municipais. A prórroga fíxase por un prazo estimado de tres meses, mentres se procede á adxudicación dun novo contrato.

Outro dos acordos do Goberno local foi a apertura do expediente para contratar a execución do proxecto de rehabilitación enerxética de inmobles de titularidade municipal. O tipo de licitación é de 454.848 euros (IVE incluído).

Finalmente, aprobouse unha modificación de crédito, por importe de 90.998 euros, cantidade que se destinará ao programa de aparcadoiro para facilitar as compras dirixido ao conxunto do comercio local compostelán.

Compartir: