FESTAS

Aberta "Prima20", a festa do comercio local

25/06/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado doutros integrantes da Corporación, fixo un percorrido a pé por varias rúas da cidade con motivo da celebración da festa do comercio local, Prima20, que arrincou este xoves e que se prolongará ata o domingo 28. Na visita tamén participaron representantes das asociacións comerciais: Paula Sánchez, de EmRede; José Manuel Bello, de Compostela Monumental; José María Seijas, de Comercio Punto Compostela; e José María Fernández, de Santiago Centro.

Durante estas catro xornadas, ás que sumará unha máis o 4 de xullo no barrio de San Pedro, os/as comerciantes poden sacar os seus produtos á rúa e animar á compra, reanimando o consumo tras o parón sufrido polo confinamento. E para dinamizar a rúa e esta volta á normalidade, o Concello preparou un programa de actividades durante estas catro xornadas, para as que hai que sacar de balde a entrada, como medida de control de aforo e garantía das distancias se seguridade. A reserva pode facerse a través da web comerciolocal.gal ata as 10:00 horas do día no que se celebra a actividade.

Obradoiros, maxia, música e teatro
O programa de eventos de Prima20 arrincou na praza Roxa coa posta en marcha ao mediodía dos obradoiros de ourivaría, repuxado de prata e talla de acibeche, que mañá venres se trasladarán á praza de Cervantes. A esa mesma hora, desenvolveuse unha sesión de teatro co Trío Refugallo en Área Central e un espectáculo de maxia con Martín Camiña e Fani Triana na Alameda.

Para a tarde quedaron cinco propostas diferentes, todas elas ás 18:00 h: Trío Refugallo, con "Ritmo refugallo", na praza da Mercé de Conxo (teatro); Rilo & Penadique, con "O pozo das señoras, na Colexiata de Sar (narración oral e música); Galeatro, con "Muiñada", no parque de Eugenio Granell (teatro); Fantoches Baj, con "Os romeiros do caracol", en Área Central (monicreques e música) e pasarrúas con Brassia Rapa no Ensanche. A xornada festiva do xoves péchase ás 21:00 h, na praza da Quintana, coa música de David Regueiro Trío.

Venres 26
A xornada do venres, ademais dos obradoiros na praza de Cervantes, contará con dúas propostas ao mediodía: música infantil con Charo Pita e "A familia papaventos" en Área Central, e teatro da man de Culturactiva Producións e o seu espectáculo "Saaabor!" na praza da Constitución.

A tarde estará novamente chea de eventos en varios puntos da cidade. Ás 18:00 h, cinco propostas: no CSC de Santa Marta, Rilo & Penadique, con "A formiga no carreiro" (narración oral e música); na Colexiata de Sar, Pulpiño Viascón, con "Pulpiño Viascón e os instrumentos máxicos" (música infantil); no CSC de Vite, Teatro ó Cubo, con "Ghop!" (circo); na Alameda, Fantoches Baj, con "Os romeiros do caracol" (monicreques e música); e no parque de Eugenio Granell, Culturactiva Producións, con "Saaabor!" (teatro). O peche musical da xornada, as 20:00 h, correrá a cargo de Faia, quen cantará temas do seu álbum "Ao cabo leirín" no parque da Música (a carón do Auditorio de Galicia).

Direccións relacionadas



Compartir: