CENTROS SOCIOCULTURAIS

A rede municipal Kaleidos, da que forma parte Santiago, traballa activamente para xestionar a era post COVID-19

24/06/2020 A rede de concellos Kaleidos, da que forma parte Santiago de Compostela, está a traballar en oito propostas concretas para xestionar, tanto a situación actual como as súas consecuencias. Dende a rede consideran que se non se actúa inmediata e responsablemente e con visión estratéxica, a explosión social e económica pode ser moi grave. Neste contexto, os concellos actúan como axentes de reactivación da vida cidadá.

Os concellos integrantes da rede Kaleidos consideran que o rol do municipio vai ser determinante en como imos vivir na era post COVID-19 en materia de servizos sociais, cohesión social, espazo público, reactivación económica, mobilidade e seguridade, entre outros. Por iso, presentan agora un vídeo gravado en pleno confinamento que sintetiza de maneira directa as súas propostas. No caso de Compostela, o concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, aposta, no seu discurso, por unha comunicación máis efectiva entre administración e cidadanía. O próximo día 30 de xuño reúnese o seu Padroado, composto polos responsables políticos e técnicos dos nove municipios que integran Kaleidos. Neste Padroado porase en valor e compartiránse as diferentes estratexias, proxectos e accións que cada Concello desenvolveu.

No caso do Concello de Santiago, durante o estado de alarma apostouse por protexer as persoas máis débiles, con programas como os tickets especiais de compra. Tamén se mantiveron os servizos esenciais; realizáronse campañas de comunicación apelando á responsabilidade cidadá ante a pandemia, vixiouse o cumprimento das medidas nas distintas fases de desescalada; rediseñouse o funcionamento dos equipamentos municipais; ordenouse o tempo e espazo de traballo na administración local, e apoiouse telemáticamente aos estudantes daquelas familias nas que existía fenda dixital. Ao mesmo tempo, deseñouse un plan de reactivación económica, con axudas destinadas aos sectores máis castigados pola crise, como pode ser o comercio, a hostalería ou as industrias culturais. Paralelamente estase levando a cabo un proxecto de dixitalización e automatización de administración local e redeseño estrutural da política de recursos humanos, iniciativas nas que o Concello de Santiago xa está a traballar.

A rede Kaleidos engloba concellos de todo o territorio, de tamaño e condición diferente e de distintas cores políticas. Atallar a pobreza, reducir a desigualdade, responder fronte á vulnerabilidade, situar o noso territorio para competir e cooperar son os eixos da política local posterior á COVID-19, segundo se recolle nos documentos da entidade; e tamén obxectivos preferentes do Concello de Santiago.

Procesos de sensibilización, participación e comunicación coa cidadanía; a modernización das nosas administracións, incorporando un traballo presencial e telemático; o redeseño dos equipamentos de proximidade; transición cara a novos modelos de relacións económicas; reforzamento dos sistemas de ética pública; novos índices de análises da realidade e reforzamento de todos os mecanismos de transparencia son propostas concretas nas que tamén se está a traballar, tanto dende o Concello, como dende a Rede Kaleidos.

A rede Kaleidos naceu no 2001 e, ademáis de Santiago de Compostela, está composta actualmente polos concellos de Vitoria, Sant Boi de Llobregat, Xetafe, Málaga, Bilbao, Burgos, Alacante e Valencia.

Compartir: