MOCIDADE

A concelleira de Mocidade visita as obras do Centro Xove da Almáciga

23/06/2020 A concelleira de Mocidade, Noa Díaz, visitou este martes as obras que se están levando a cabo no Centro Xove da Almáciga e nos locais anexos. Estes traballos contan cun investimento de 34.000 euros e prevese que estean rematados a finais deste verán, coincidindo coa presentación da nova programación, na que se reforzarán as actividades online.

No Centro Xove estase construíndo unha pequena cabina, na que estarán os equipos de son e a mesa de iluminación. Tamén se vai abrir unha porta de emerxencia para facilitar a evacuación da sala directamente ao exterior.

Nos locais de ensaio de música, anexos ao Centro Xove, trabállase para solucionar os problemas de acústica e insonorización. Estanse forrando as salas de ensaio cunha escuma illante, vanse cambiar as portas, instalaranse unhas tarimas novas no chan e outras para colocar as baterías, e solucionaranse distintos problemas de electricidade que había na zona dos estudos de gravación. Tamén se vai colocar no corredor de acceso unha porta para illar o son da sala de espera,na que se eliminarán dous baños que non se estaban usando. Ampliaríase así esa zona, o que vai permitir gardar mellor a distancia de seguridade.

Compartir: