FESTAS E MOBILIDADE

Peonalización de varias rúas do Ensanche para facilitar a participación en "Prima20", a festa do comercio local

23/06/2020 Xa está todo listo para o inicio de Prima20, a festa do comercio local, que se desenvolverá dende o xoves 25 ao domingo 28 de xuño. E para facilitar que toda veciñanza poida participar da saída á rúa do comercio e das actividades previstas, a peonalización de varías rúas do Ensanche da fin de semana estenderase tamén ás tardes do xoves e do venres, a partir das 18:00 horas.

Cómpre lembrar que para participar nas actividades de Prima20 é preciso reservar entrada mediante cita previa, co obxecto de controlar aforos e así garantir as distancias de seguridade. A reserva debe realizarse na web comerciolocal.gal.

A programación desta festa do comercio local inclúe animación de rúa e actividades para todos os públicos en diversas zonas da cidade: Santa Marta, praza da Mercé de Conxo, parque Eugenio Granell, Alameda, praza da Constitución, parque de Galeras, praza de Cervantes, parque da Música, Vite, San Pedro, praza da Quintana, Romaño, xardín do Pazo de Amarante, praza Roxa, Colexiata do Sar e Área Central.

Maxia, contacontos, teatro, monicreques, música, circo, pasarrúas ou danza son algunhas das disciplinas incluídas no programa, que se completa con obradoiros de ourivaría, repuxado de prata e talla de acibeche.

Rúas peonís no Ensanche
Con motivo da celebración de Prima20, o xoves 25 e o venres 26 tamén serán peonís varias rúas do Ensanche a partir das 18:00 h, sumándose así á peonalización que xa vén aplicando durante as fins de semana e que se repetirá dende as 12:00 h do sábado 27 ata as 24:00 h do domingo 28.

Así, este xoves e venres serán peonís as rúas de Xeneral Pardiñas, Alfredo Brañas, República do Salvador, Santiago del Estero e Fernando III O Santo (tramo comprendido entre a rúa da República Arxentina e a rúa da Rosa). A estas sumaranse o sábado e o domingo a rúa Nova de Abaixo e a rúa de Santiago de Chile.

Desvíos no transporte urbano
Esta peanolización afectará ás liñas 5, C2, C11 e P6 do transporte urbano, que realizarán os desvíos indicados a continuación, nos servizos a partir das 18:00 h o xoves e o venres; e a partir das 12:00 h do sábado e o domingo durante todo o día:

Liña 5:

- Traxecto Vite – Rocha: dende Doutor Teixeiro, os autobuses desviaranse pola rúa da Rosa, San Pedro de Mezonzo e praza Roxa.

- Traxecto Rocha – Vite: dende República Arxentina, desvío pola praza de Puente Castro, rúa do Hórreo e cambio de sentido na praza de Galicia para acceder á parada habitual na ferraxería.

Liña C2: desviarase soamente o sábado e o domingo. Dende a rúa da Rosa os autobuses desviaranse por Romero Donallo, con cambio de sentido na rotonda de confluencia con Rosalía de Castro e itinerario habitual pola avenida de Vilagarcía.

Liña C11: dende a rúa Santiago de Guayaquil, desviarase pola rúa do Hórreo e cambio de sentido na praza de Galicia para acceder á parada habitual na ferraxería.

Liña P6:

- Traxecto A Rosa – Polígono do Tambre: dende República Arxentina desvío pola praza de Puente Castro, rúa do Hórreo e cambio de sentido na praza de Galicia para acceder á parada habitual na ferraxería.

Quedan suprimidas as seguintes paradas: 433,República do Salvador (liña 5); 589, Santiago de Chile, cruce con Frei Rosendo Salvado (liña C2), oamente sábado e domingo; 590, Santiago de Chile nº 31 (liña C2), soamente sábado e domingo; 673, Xeneral Pardiñas nº 35 (liñas 5, C11 e P6) e 674, Xeneral Pardiñas nº 7 (liñas 5, C11 e P6).

Direccións relacionadas



Compartir: