IGUALDADE

Compostela Diversa mostra con diversas accións o compromiso da cidade coa realidade LGTBI

23/06/2020 Compostela Diversa retoma a súa andaina neste ano 2020 para facer de Santiago un referente da diversidade sexual e de xénero en Galicia, apostando por accións globais e inclusivas que axuden a avanzar na consecución dos dereitos, a visibilidade e a normalización da vida de todo o colectivo. Con motivo da celebración este domingo 28 do Día Internacional do Orgullo LGTBI, preparáronse varias accións, que foron presentada este martes pola concelleira de Igualdade, Noa Díaz.

Adaptada á situación xerada pola pandemia da COVID-19, presentouse un programa de actividades para a conmemoración do Orgullo LGTBI en Compostela tendo en conta as circunstancias e creando unha xornada para transmitir a través das canles e redes do Concello de Santiago. Unha desas accións é o pintado de dous pasos de peóns coa bandeira LGTBI, un deles na Porta Faxeira, o lugar onde se presentou o calendario de actividades.

Entre as accións, destaca a o evento a porta pechada que se celebrará este domingo, a partir das 19:00 horas, no Teatro Principal, que incluirá un debate, a presentación dunha peza audiovisual e varias propostas artísticas. O acto será conducido por Patricia Vázquez, popular actriz de teatro, cine e TV que conta con máis de dúas décadas de experiencia no mundo do teatro profesional, tendo representado con compañías dramáticas como o Centro Dramático Galego, Escola Dramática Galega, Ollomol Tranvía ou Teatro da Lúa. Na TVG participou en programas concurso, magazines e, sobre todo, é coñecida como actriz en series de ficción (Air Galicia, Era visto, Padre Casares…).

Peza audiosvisual
O acto comezará coa proxección de Compostela Diversa 2020, unha peza audiovisual dun minuto e medio, aproximadamente, que amosará o compromiso de Santiago coa realidade LGTBI. Aludirase a tres datas significativas: 1970, 50º aniversario da primeira celebración da Marcha do Orgullo Homosexual en Nova York; 1990, 30º aniversario CGC – Colectivo Gay Compostela, primeira organización do colectivo LGTBI en Galicia; e 2005, 15º aniversario da Lei do matrimonio entre persoas do mesmo sexo en España.

Estes tres fitos son o punto de partida e, través dunha serie de persoas e de imaxes de diferentes espazos representativos da nosa cidade, presentarase Compostela coma un referente na realidade LGTBI. Trátase de acoller, compartir, acompañar e defender o colectivo na vida cotiá e nas reivindicacións, dende un punto de vista amable, optimista e, por suposto, reivindicativo.

Faladoiro
A continuación celebrarase un faladoiro co obxectivo de abrir un espazo de diálogo e encontro, aberto e non excluínte, para abordar a realidade entre todos e todas. O debate será moderado por Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC e recoñecida activista LGTBI.

Baixo o título "Presente e futuro da realidade Trans", no faladoiro participarán Isabel Noya, secretaria de Arelas (Asociación de Familias de Menores Trans); Soledad Fernández, presidenta de Chrysallis; e unha representante de Amizando.

Intervención músical e escénica
Rematado o debate, comezará no Teatro Principal unha intervención musical e escénica a cargo de Guillerme Fernández, Guadi Galego, Faia Díaz e Ricardo de Barreiro.

Guillerme Fernández é artista e músico multidisciplinar. Foi membro fundador do grupo Berrogüetto e parte integrante doutros proxectos paralelos con Xabier Díaz, Espido con Guadi Galego, ou o traballo conxunto aCadaCanto con Guadi Galego, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero.

Xunto con Xabier Díaz codirixiu o programa Tres peixes voando dende o ano 2006, na Radio Galega. Con Ricardo de Barreiro presentou en 2013 o espectáculo escénico Sobre o desamor e outras mariconadas.

Guadi Galego comezou moi nova a súa formación musical. Dende o ano 1997 foi gaiteira, pianista e vocalista no grupo Berrogüetto, co que gravou tres discos ata xaneiro de 2008 (Viaxe por Urticaria, Hepta e 10.0). Tamén formou parte do dúo Espido e de Nordestin@s.

A súa carreira en solitario iniciouse co álbum Benzón, que se publicou en 2009. Este disco foi moi aclamado pola crítica galega e a española, recibindo o Premio Opinión ao mellor disco folk do ano e a candidatura á mellor canción en galego nos Premios da Música polo tema "Madama", no que colaboraban Pedro Pascual e Rosa Bugallo.

Faia Díaz é unha das integrantes do grupo De Vacas que vén de presentar o seu primeiro traballo en solitario no ano 2019, Ao cabo leirín, no que une canto tradicional e espazos sonoros atemporais co trasfondo da tradición musical galega con voz das mulleres. Experimentación, tradición e modernidade.

Ricardo de Barreiro é pintor, poeta e creador. Estudou na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela e formouse no Teatro do Curro (Noia) e en obradoiros de José Campanari. Como actor traballou en filmes como Lobos sucios, O descoñecido, Celda 211, 18 comidas, Encallados, Os xirasois cegos, Vilamor, Somos xente honrada, Pradolongo ou After; e en series como Matalobos, Luci, Amar es para siempre, Doctor Mateo, Fariña e O sabor das margaridas.

En 2013 publicou o poemario Sobre o desamor e outras mariconadas, que inclúe varios cadros seus e que presentou como proposta escénica xunto ao guitarrista Guillerme Fernández.

Outras accións
Esta acción no Teatro Principal complétase con outras, como a lectura dun manifesto tamén o domingo, neste caso ás 11:00 horas e a carón do palco de música da Alameda. Ademais, pintáronse dous pasos de peóns (Porta Faxeira e Porta do Camiño) coas cores da bandeira LGBTI, as que tamén estarán na iluminación da fachada do Teatro Principal durante do 25 ao 28 de xuño. E unha bandeira rodea xa o citado palco da música.

Compartir: