ALCALDÍA

Constituído o Consello Económico e Social co obxectivo de afrontar o escenario xurdido da crise da COVID-19

22/06/2020 Hoxe quedou constituído o Consello Económico e Social do Concello de Santiago, presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, cunha prioridade: "afrontar o escenario económico e social que se deriva da crise da COVID-19". O rexedor espera que este órgano funcione, a partir de agora, de xeito estable, xa que, recorda, reuniuse entre os anos 1999 e 2010, e a partir de aí non se volveu convocar.

A reunión desenvolveuse na sala circular do Auditorio de Galicia. Ademais da constitución do Consello Económico e Social, presentouse a proposta de análise de impacto da crise en Santiago; creouse o Comité Socioeconómico de Crise, asesorado e coordinado por Melchor Fernández, profesor titular do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e coordinador do Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME) da USC; e constituíronse catro grupos de traballo, entre eles a Comisión de Formación e Inserción Profesional.

Na proposta de análise da crise presentada polo profesor Melchor Fernández, establécense os parámetros de estudo da actual situación, sen precedentes na historia contemporánea, e sinálase que para ter unha visión global e conxunta do que está a acontecer, cómpre ter como punto de partida a percepción e coñecemento dos axentes locais e a súa experiencia a pe de campo. Establece unha estratexia de análise que comeza coa identificación das fontes de impacto, a cuantificación dos impactos directos por ramas de actividade (paralización de actividades non esenciais, efectos do confinamento, efectos sobre o turismo e exportación, etc.) para, a continuación, distribuír eses impactos temporalmente e analizar como afectaron e afectan ao mercado laboral. Tamén contempla a análise dos resultados de impactos económicos, sociais e ambientais; e o estudo das medidas adoptadas para paliar os efectos económicos e sociais da crise.

Na reunión creouse o Comité Socioeconómico de Crise Compostela Móvese 2020, co obxectivo de desenvolver un mecanismo que ofreza respostas rápidas a contornas cambiantes sobre a base dunha visión de futuro estable da cidade; no que están representados os distintos axentes económicos e sociais. Un órgano capaz de identificar os retos do municipio e realizar propostas de actuación.

Con esta finalidade, tamén se constituíron catro grupos de traballo, entre os que figura a Mesa de Formación e Inserción Profesional, un órgano colexiado, sectorial, de carácter consultivo e participativo, que ten como obxectivo desenvolver unha política local de formación que responda á realidade do municipio. Entre as súas funcións está a orientación no ámbito da formación e a cualificación profesional; o seguimento, execución e coordinación das actuacións levadas a cabo polas entidades que forman a Mesa; a avaliación anual, dos recursos destinados ao desenvolvemento de actuacións nesta materia; a elaboración dun informe bianual de resultado e de impacto das accións desenvolvidas; ou a promoción de iniciativas de estudos e análises da realidade socioeducativa da cidade na área de formación e inserción laboral.

A maiores, tamén se constituíu un grupo de traballo de cohesión territorial, un de cohesión económica, e outro de cohesión social. Tres grupos que se van interrelacionar entre si para dar unha resposta estratéxica a un fenómeno tan complexo como o que estamos vivindo. Definiríanse neste mesmo mes de xuño, coa presentación da metodoloxía; en xullo e agosto analizaríase a información cualitativa e cuantitativa recollida, identificaríanse os problemas e prioridades e presentaríase un primeiro e un segundo borrador de informe, respectivamente; en setembro analizaríase o borrador, establecendo unha diagnose e definición de prioridades; en outubro presentaríanse as distintas medidas e definiríanse os indicadores de seguimento e avaliación; e en novembro presentaríanse e debateríanse os resultados.

Consello Económico e Social
O Consello Económico e Social é un órgano permanente de comunicación entre os distintos intereses económicos e sociais do Concello de Santiago e de asesoramento e diálogo entre estes e o Concello. Entre as súas funcións figuran:

- Ser informado sobre os criterios e liñas xerais do anteproxecto do orzamento municipal aos efectos do seu coñecemento en relación ás materias socioeconómicas.
- Elaborar informes, ditames ou estudios, de oficio ou a instancia do Concello de Santiago, en calquera asunto de carácter económico e social.
- Servir de canle de participación e diálogo dos interlocutores sociais no debate de asuntos de transcendencia nos ámbitos económicos e sociolaborais, co fin de potenciar o desenvolvemento económico e a creación de emprego, a implantación de novas actividades e o desenvolvemento das xa existentes.
- Propoñer solucións e criterios de actuación orientados á promoción económica e á creación de emprego no municipio de Santiago.
- Coñecer as medidas de planificación económica e social que se elaboren polo Concello de Santiago e que afectan de forma xeral aos intereses do municipio.
- Emitir anualmente, dentro do primeiro semestre de cada ano, un informe sobre a situación económica e social do municipio.

O Consello Económico e Social, presidido polo alcalde, conta con integrantes de todos os grupos municipais. Ademais, están representados neste órgano, a través dos seus titulares, a Universidade de Santiago; os sindicatos UXT, CC OO, CIG, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego; Compostela Monumental; Área Empresarial do Tambre; Asociación Punto Compostela; Fundación Santiago Centro; Hostalería Compostela; Confederación de Empresarios de Galicia; Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e Círculo Financeiro de Santiago.

Melchor Fernández
Melchor Fernández é licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Economía pola Universidade Autónoma de Barcelona. Profesor Titular de Universidade no Departamento de Fundamentos da Análise Económica e coordinador do Grupo de Análises e Modelización Económica (GAME) da USC, recoñecido polo Sistema Universitario Galego como Grupo de Referencia Competitiva (ED431C 2017/44).

Foi director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) dende novembro de 2005 a xaneiro de 2014. Dende 2010 é o coordinador do programa de doutoramento da USC Desenvolvemento Rexional e Integración Económica, posto que compaxina coa dirección do Departamento de Fundamentos de Análise Económica da USC dende maio de 2018.

A súa investigación xirou ao redor da avaliación de políticas socioeconómicas con modelos de equilibrio xeral, a planificación e avaliación de servizos sociosanitarios, a análise económica do turismo e a economía laboral. En 2009 recibiu o Premio Lluis Fina, patrocinado polo Ministerio de Traballo, que concede a Asociación Española de Economía do Traballo, á mellor investigación en economía laboral durante o período 2007-2008; en 2012m o Premio de Investigación Eurorrexión, que promoven a Universidade de Vigo e Abanca e, en 2015, o II Premio de Investigación en Economía de Galicia "Valentin Paz Andrade".

Durante os últimos dez anos participou na dirección de dez teses doutorais, que deron lugar a múltiples publicacións internacionais de referencia e á constitución en 2017 dunha Spin-Off da USC, AYeconomics Research Center, S.L., que foi recoñecida co Premio Muller Emprendedora no XVI Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC (2017).

Compartir: