XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba unha modificación de crédito para a mellora de varias instalación deportivas

22/06/2020 A Xunta de Goberno deu o visto bo este luns a unha modificación de crédito, por un importe total de 182.019 euros, procedentes de baixas por anulación, para o financiamento de varias obras de mellora en instalación deportivas do municipio. Este cambio orzamentario será sometido á aprobación do Pleno este vindeiro xoves.

Dunha parte, habilítase un crédito extraordinario de 80.000 euros para o acondicionamento da praza de acceso ao campo de fútbol de Santa Isabel. Doutra parte, aprobase un suplemento de crédito, por 102.019 euros para destinar a varias intervencións urxentes: substitución da rede de fontanería do Estadio Municipal de San Lázaro; pulido e vernizado da tarima de parqué do pavillón de Fontiñas; mellora da iluminación dos campos de fútbol de Villestro e Belvís; e subministración de desfibriladores para varias instalacións deportivas municipais.

Obras no rural
Na xuntanza do Goberno local tamén se deu o visto bo a varias obras en parroquias rurais, a cargo dos plans de obras e servizos da Deputación da Coruña. Así, iniciouse o procedemento para adxudicar a mellora e acondicionamento do centro sociocultural da Peregrina (POS+ 2019), por un importe de case 115.915 euros.

En relación ao POS+ Adicional 2/2020, acórdase participar no devandito programa e solicitar a achega provincial, de 344.788 euros, para dúas obras: a mellora do viario dende a contorna da N-550, en Barciela, ata Casas de Arriba, en Cesar, no tramo entre a igrexa de San Andrés de Barciela ata o cruce de Candelabeira (260.000 euros); e a ampliación da rede de abastecemento en Piñeiro de Enfesta, Frades e Gunín, na parroquia de Enfesta) (84.787,90 euros).

Mellora do alumeado na rúa das Estrelas
Xa no ámbito de Medio Ambiente e Alumeado Público, aprobouse o convenio coa Axencia de Turismo de Galicia e o inicio dos trámites para contratar as obras de instalación de alumeado público na rúa das Estrelas. O orzamento estimado é de 68.050 euros, dos que a Axencia achegaría 48.050 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: