XUNTA DE GOBERNO

O Concello destina 620.000 euros á convocatoria de bolsas de comedor, compra de material escolar e actividades extraescolares

22/06/2020 A Xunta de Goberno Local aprobou a convocatoria de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e actividades extraescolares para o alumnado dos centros docentes públicos e concertados sostidos con fondos públicos de educación infantil (2º ciclo) e de educación primaria obrigatoria para o curso 2020/2021. A convocatoria publicarase en breve no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Tal como apuntou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a esta convocatoria destínanse 620.000 euros, se ben dixo que esta contía podería ampliarse no caso de no cubrir todas as necesidades coa partida inicial. Estas bolsas están destinadas a unidades familiares e de convivencia que, por escaseza de recursos económicos, teñen dificultades ou non poden facer fronte aos gastos relacionados coa escolarización de menores que teñen ao seu cargo.

Hai tres tipos de bolsas: as de comedor, cun máximo de 90 euros ao mes; as destinadas á realización de actividades extraescolares, ata un máximo de 30 euros ao mes; e as bolsas para adquisición de material escolar, cun máximo de 60 euros a través dun pago único. A estas modalidades hai que sumar unha máis, a das bolsas para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

En principio, o período subvencionable é de setembro de 2020 a xuño de 2021 (ambos os dous incluídos), para as becas de comedor. Para as de actividades extraescolares é de outubro de 2020 ata xuño de 2021 (ambos os dous incluídos), e para a adquisición de material escolar, dende a publicación das bases no BOP da provincia de A Coruña ata o período máximo de xustificación do material escolar.

Integración laboral
Seguindo no ámbito social, a Xunta de Goberno aceptou unha subvención, concedida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para a contratación temporal de desempregados/as perceptores/as de RISGA no exercicio 2020. A subvención, por 272.037 euros, permitirá a contratación de 20 traballadores/as por un período de sete meses (tres técnicos/as administrativos/as, nove administrativos/as, sete auxiliares administrativos/as e un/unha telefonista).

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: