XUNTA DE GOBERNO

O transporte público recuperará a normalidade o 1 de xullo coa entrada en vigor do horario de verán

22/06/2020 Tal como xa anunciara a pasada semana, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, confirmou que o transporte público recuperará o seu funcionamento ordinario o próximo 1 de xullo. Esta foi unha das medidas aprobadas na Xunta de Goberno deste luns, na que tamén se validou o servizo de limpeza e desinfección dos parques infantís.

O mércores 1 de xullo entrarán en vigor os horarios de verán do servizo de transporte público. Será ese día cando se retome a normalidade no funcionamento deste servizo, despois de varios meses de limitacións motivadas polo drástico descenso da demanda de usuarios/as e das obrigas hixiénicas e sanitarias a raíz do COVID-19.

A Xunta de Goberno acordou igualmente continuar aplicando medidas de seguridade e prevención como o illamento do condutor mediante un anteparo; o mantemento das distancias de seguridade entre os/as usuarios/as; a colocación de cartelería lembrando a obrigatoriedade das máscaras; a recomendación do pago a través das tarxetas de transporte ou con importes exactos ou a presenza nos autobuses de dispensadores de xel hidroalcohólico. Ademais, reforzarase a limpeza e a desinfección dos vehículos, á vista o maior número de usuarios/as.

Limpeza de parques
Tamén en relación ao COVID-19 e á situación de nova normalidade, validouse o contrato adxudicado pola Alcaldía a Ferrovial Servizos para a limpeza e desinfección dos parques infantís, parques biosaudables e pistas deportivas ao aire libre, por un importe de 31.483 euros (IVE incluído). Segundo apuntou o alcalde, este contrato garante a prestación do servizo ata finais de setembro.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: