SAÚDE

O Concello iluminarase de verde polo Día Mundial da ELA

19/06/2020 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España súmase á campaña #LuzporlaELA e as fachadas dos concellos, monumentos, edificios emblemáticos e diferentes espazos das 15 cidades monumentais iluminaranse de verde con motivo do Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), que se conmemora o próximo domingo 21 de xuño. O Pazo de Raxoi iluminarase de verde o sábado e o domingo.

O presidente do Grupo de Cidades Patrimonio e alcalde de Ibiza, Rafael Ruiz, afirmou que "dende as nosas cidades queremos concienciar sobre a realidade dramática que viven as persoas e as familias afectadas por esta enfermidade, con grandes dificultades no seu día a día. Tamén queremos sensibilizar sobre a importancia de que reciban unha atención sociosanitaria de calidade e sumarnos ao chamamento para que continúen as liñas de investigación sobre as causas e tratamentos desta enfermidade".

A Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou o 21 de xuño Día Mundial contra esta enfermidade. Con esta iniciativa, que xa se repetiu en anos anteriores en cidades del Grupo, estas súmanse á campaña da Fundación Luzón, xunto ás Asociacións de Familiares e Pacientes de ELA, para que os monumentos, institucións e edificios das cidades se iluminen de verde co obxectivo de dar visibilidade a unha enfermidade neuromuscular dexenerativa que provoca unha paralización da persoa afectada nun curto espazo de tempo. Cada día diagnostícanse tres novos casos de ELA en España.

Compartir: