ALCALDÍA

Sánchez Bugallo agarda que toda a améndoa histórica dispoña na Semana Santa de 2021 dunha "rede de datos de calidade"

19/06/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, expresou a súa satisfacción pola activación do primeiro plan de despregamento de fibra en todo o casco histórico grazas á colaboración entre Concello e Xunta. Fíxoo durante a súa rolda de prensa dos venres, na que se referiu tamén a outros temas de actualidade como as máis de 1.000 entrevistas solicitadas aos puntos de información do Ingreso Mínimo Vital ou a recuperación progresiva dalgúns indicadores na cidade unha vez entrada a "nova normalidade".

Sobre a rede de fibra no casco histórico, Sánchez Bugallo indicou que é unha noticia que "me houbera gustado que chegara antes, pero tamén é certo que chega nun momento cunha tecnoloxía que minora moito o impacto visual". Indicou que a semana que vén se iniciarán os traballos, que se intensificarán despois do 26 de xullo. O obxectivo, dixo, é que "na Semana Santa, toda a améndoa histórica estea cableada e se poida dispoñer nela dunha rede de datos de calidade".

Felicitou á Xunta (a través de Amtega), ao Consorcio e ao Concello pola colaboración na "busca dunha solución tecnolóxica axeitada", que da resposta a unha demanda "tan anhelada polos veciños e veciñas da cidade histórica".

Colaboración coa Seguridade Social
O rexedor tamén se referiu ás máis de 1.000 solicitudes de entrevista, das que xa se derivaron unhas 900 citas concertadas, nos dous puntos de información sobre o Ingreso Mínimo Vital. Anunciou que se están realizando xestións coa Seguridade Social para que "esta poida contrastar directamente os datos do Padrón municipal". Isto "aforraría esforzos" a todas estas persoas que deben presentar certificados individualizados de residencia e "aliviaría a saturación do Padrón", segundo indicou. Este procedemento realizaríase coa autorización dos/das titulares.

Recuperación da actividade comercial e do transporte público
Outro dos temas abordados por Sánchez Bugallo foi o da recuperación da actividade comercial. Neste sentido, tomou como referencia unha aplicación do Banco Sabadell-Gallego que analiza o uso do pago con tarxeta a través de TPV. "Xa a semana pasada, as vendas con tarxeta superaron o 100% respecto á mesma semana do ano pasado", subliñou. Este dato, engadiu, "paréceme enormemente positivo, e colócanos por riba da media de entorno ao 92% de Galicia e do 85% de España".

Iso si, lamentou que a distribución é "desigual" entre o uso de tarxetas españolas e tarxetas procedentes do estranxeiro, xa que nestes "non alcanza o 7%".

En canto a outro indicador, o uso do transporte público, afirmou que "está subindo, aínda que máis lento que o transporte privado, que xa anda polo 70%, fronte ao 31,82% do transporte público rexistrado onte mesmo". En calquera caso, indicou que "a previsión é a volta á normalidade plena o 1 de xullo".

Conciliación e maior custo dos servizos
Preguntado polo incremento de prezos do programa de conciliación de verán, indicou que este obedece "ás novas condicións, porque os grupos teñen que ser máis pequenos, pero o custo por cada grupo non se minora. Hai que contratar máis monitores, medias seguridade, limpeza, etc".

O alcalde aproveitou esta cuestión para insistir no incremento de custes que a situación derivada da COVID-19 supón para algúns servizos, "un custo que incluso pon en cuestión a viabilidade dalgún". Lembrou que a Intervención municipal ten feita unha estimación anual de sobrecustos dos servizos de 4 millóns de euros e unha minoración de ingresos de preto de 7 millóns d e euros. "E de momento ninguén nos compensa por isto", lamentou.

Prudencia e responsabilidade
Finalmente, Sánchez Bugallo referiuse ao novo escenario de apertura de desprazamentos que abre a partir do luns. "Se nos abre un espazo de oportunidades, no que teremos máis liberdade, pero tamén máis responsabilidade. Cada vez é máis difícil que as administracións poidan controlar todas posibilidades que se van abrindo en materia desprazamentos, parques, hostalería… ". Por iso apelou á "ser prudentes e ser conscientes de que "o virus segue aí".

Compartir: