SEGURIDADE

A Policía Local celebrou o seu patrón

03/03/2007 Como cada ano, a Policía Local celebrou o seu patrón, o Santo Ánxo da Garda. Con tal motivo, o Hostal dos Reis católicos acolleu o acto de entrega das placas e medallas de recoñecemento, presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Estas medallas recoñecen o traballo dos membros do corpo que destacaron polo súa exemplar conduta durante a súa vida profesional. As distincións, aprobadas no Pleno da Corporación do 22 de febreiro, foron entregadas a Ramiro Ramos, Enrique Carril e Modesto Otero, tres policías locais xubilados nos anos 1996 e 1999.

O acto contou coa intervención, entre outros, do concelleiro de Circulación e Seguridade Cidadá, Xosé Baqueiro, que agradeceu a colaboración da Policía Local para facer que "Compostela siga a ser unha cidade exemplar en seguridade". Tamén se referiu ao tráfico, e destacou "o importante papel da intensa acción preventiva da Policía Local, en coordinación coa Dirección Xeral de Tráfico, na diminución de accidentes".

O concelleiro fixo un resumo do 2006 en canto a cifras e actuacións e insistiu en que "Santiago é unha cidade tranquila e segura". Tamén houbo recoñecemento aos voluntarios e a outros corpos, como os de Protección Civil e Bombeiros, polo seu traballo durante o verán na vaga de incendios.

Compartir: