POLÍTICAS SOCIAIS

Compostela súmase este sábado á conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas cun acto na praza de Cervantes

19/06/2020 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, deu conta do acto que se celebrará mañá sábado, 20 de xuño, para conmemorar a celebración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas. O acto está organizado pola Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, en nome da cal participou Miguel Fernández na rolda de prensa. Será ás 12:00 horas na praza de Cervantes.

"Dende o Concello de Santiago, a pesar da situación anómala na que nos atopamos e da crise tanto sanitaria como económica, non queremos deixar de recordar esta situación dramática que viven milleiros de persoas, que xa non ocupan portadas dende hai uns anos, a pesar de que as cifras non teñen diminuído nin ten mellorado a súa situación", indicou Mila Castro. Así, lembrou que "en Santiago non somos alleos a esta realidade", con veciños e veciñas que son persoas refuxiadas, e fixo un chamamento á cidadanía compostelá para que "se sinta identificada coa situación" destas persoas.

A concelleira agradeceu o traballo da Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, unha plataforma formada por colectivos, asociacións, ONGD, sindicatos, partidos políticos e persoas individuais que ten por obxectivo mobilizar a cidadanía galega na defensa dos dereitos das persoas refuxiadas, informar sobre a súa realidade, denunciar a política migratoria da UE e incidir politicamente nas administracións.

Lectura de manifesto
Este ano, debido á situación xerada pola COVID-19, a conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas realizarase a través dun acto sinxelo mañá sábado ás 12:00 horas. Tal como indicou Miguel Fernández, farase unha concentración na praza de Cervantes, o lugar onde a Plataforma organiza concentracións os primeiros xoves de cada mes.

No acto lerase o manifesto do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, que "recolle unha serie de demandas en torno ás cales vimos traballando en Santiago e en Galicia", apuntou Miguel Fernández. Entre as cuestións denunciadas no texto figuran a externalización das fronteiras, co traslado a Turquía, previo pago, da fronteira europea. Precisamente, da UE reclámase un pacto para a emigración e o asilo. Tamén se demanda "un discurso público positivo sobre a emigración e un compromiso para loitar contra mensaxes xenófobas e discriminatorias, que cada vez hai máis", apuntou.

A nivel do Goberno español, Miguel Fernández reclamou o proceso de regularización das persoas migrantes, o fin das devolucións en quente e a igualdade de acceso ás prestacións sanitarias, a un traballo digno ou ao novo Ingreso Mínimo Vital.

Direccións relacionadas



Compartir: