MOCIDADE

A Concellaría de Mocidade programa en xullo un ciclo de cine ao aire libre e un curso de agricultura ecolóxica

19/06/2020 A concelleira de Mocidade, Noa Díaz, presentou tres novas actividades do seu Departamento para as vindeiras semanas: unha actividade de formación en agricultura ecolóxica do programa Hortalíza-Te, un ciclo de cine ao aire libre na Alameda e outra edición dos campamentos de verán.

As hortas municipais da Almáciga acollerán no meses de xullo e outubro un curso de formación en agricultura ecolóxica para a mocidade. Nesta actividade, conducida por Luz Eyo –tamén presente na rolda de prensa- traballarase con dez mozos/as, divididos/as en dous grupos, todo o relativo á preparación da terra, á plantación de produto de tempada, ao rego e aos tratamentos ecolóxicos.

As persoas interesadas (de ata 35 anos) poden anotarse a través do correo electrónico dptoxuventude@santiagodecompostela.gal. A participación é gratuíta.

Tal como explicou Luz Eyo, estas clases presenciais completaranse cun asesoramento en streaming a través das redes sociais, con consellos sobre horticultura, especialmente dirixido a antigos alumnos/as destes cursos que agora son adxudicatarios de hortas municipais.

Esta actividade dará lugar a una exposición fotográfica na que se plasmara todo o traballado durante o curso. Ademais, chegado o momento, habilitarase un posto no que se poderán vender os produtos colleitados.

Cine ao aire libre
A concelleira tamén presentou unha desas actividades que sempre é moi reclamada pola mocidade compostelá a través das redes sociais, un ciclo de cine ao aire libre, máis pertinente incluso nestes tempos de crise sanitaria. Os filmes foron elixidos a través das redes sociais entre un listado no que había películas de varios estilos e épocas.

As proxeccións serán ás 22:30 horas na Alameda, a carón das escaleiras de subida cara a gardería. En caso de choiva, a actividades suspenderíase.

O ciclo desenvolverase en tres mércores de xullo, arrincando o 1 de xullo coa proxección de Call me by your name, de Luca Guadagnino. O 8 de xullo será a quenda de Malditos bastardos, de Quentin Tarantino, e o ciclo pecharase o 15 de xullo con A moza danesa, de Tom Hooper.

Campamentos
Finalmente, Noa Díaz avanzou que se están ultimando os trámites administrativos para os campamentos de verán, nos que se ofrecerán 40 prazas para mozos e mozas de 14 a 17 anos. A Concellaría anunciará en breve a data de inicio do período de inscrición.

O primeiro campamento desenvolverase do 24 ao 31 de xullo en Oleiros (A Coruña) e está enfocado principalmente ás actividades náuticas. O segundo campamento, entre o 3 e o 7 de agosto, levará os mozos e mozas ata San Xoán de Río, en Trives (Ourense), onde realizarán diversas actividades relacionadas coa astronomía.

Máis información en: dptoxuventude@santiagodecompostela.gal.

Direccións relacionadas



Compartir: