MEDIO RURAL E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Últimas horas para inscribirse nas actividades de conciliación dos centros socioculturais do rural

18/06/2020 Mañá venres remata o prazo de preinscrición en Verán no rural, o programa de conciliación que se desenvolverá durante o mes de xullo en seis centros socioculturais do rural compostelán. A participación nas actividades é de balde. As familias interesadas deben enviar a ficha de preinscrición (Anexo I) ao correo electrónico mposeo@santiagodecompostela.gal ou acudir presencialmente á Casa das Asociacións de Cornes en horario de 9:00 a 14:00 horas.

O programa Verán no rural ofrece un total de 90 prazas, 15 por cada un dos seis centros socioculturais: A Gracia, Figueiras, Lavacolla, Marrozos, Nemenzo e Villestro. Está destinado a nenos e nenas nados entre os anos 2008 e 2015. Entre as 10:00 e as 14:00 horas, os/as participantes desfrutarán de actividades lúdicas, xogos cooperativos, actividades predeportivas, etc.

As familias teñen a opción de inscribir os rapaces e rapazas nas actividades para todo o mes de xullo ou de escoller unha das dúas quincenas. Para iso deben realizar a preinscrición, coa data límite de mañá venres ,19 de xuño, a través do correo electrónico mposeo@santiagodecompostela.gal, remitindo a ficha que se pode descargar nesta web municipal.

No caso de haber máis solicitudes que prazas dispoñibles nos distintos centros, farase un sorteo automático o día 23 de xuño. A partir do 25 de xuño publicaranse na web municipal as listas de admitidos/as e reservas.

A matrícula formalizarase os días 26, 29 e 30 de xuño entregando a documentación necesaria na Casa das Asociacións de Cornes, en horario de 9:00 a 14:00 h, ou no Departamento de Medio Rural (entrada principal da estación de autobuses), en horario de 9:00 a 13:00 h.

Na admisión terán prioridade os/as menores do rural empadroados/as no Concello de Santiago no caso de que ambos proxenitores precisen a conciliación laboral, así como as familias monoparentais e monomarentais na mesma situación. Haberá unha reserva de prazas para persoas beneficiarias de Servizos Sociais. Se un/unha menor obtén praza e ten irmáns ou irmás preinscritos/as, todos/as obterán praza.

Máis información nos teléfonos 981 542 350 e 604 002 657.

Compartir: