CONSORCIO

Comeza unha nova edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación

18/06/2020 A Fundación Laboral da Construción (FLC) e o Consorcio de Santiago presentaron este xoves unha nova edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación (CEGOR), que se está a impartir no Centro de Formación en Materia de Rehabilitación, en Santiago de Compostela. Este centro, pioneiro en España, foi promovido pola FLC e o Consorcio, e ocupa as instalacións industriais rehabilitadas da antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, unha das máis importantes e mellor conservadas de cantas houbo en Santiago nos séculos XVIII e XIX. O curso diríxese a profesionais, técnicos e xefes de obras de rehabilitación interesados en adquirir ou actualizar os seus coñecementos en materia de mantemento, conservación, restauración e rehabilitación.

No acto de presentación interviñeron o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo; e o presidente do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral da Construción, Diego Vázquez Reino. Asistiron, ademais, a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o vicepresidente do Centro Territorial de Galicia da FLC, Sergio López; o seu xerente, Fernando García; e o arquitecto do Consorcio de Santiago e coordinador académico do curso, Ángel Panero.

O curso prolongarase ata finais de novembro. O seu obxectivo é contribuír a difundir coñecemento especializado e impulsar a innovación no sector; dando una visión panorámica e integrada das particularidades das obras de mantemento, rehabilitación e reforma de edificios desde a sustentabilidade, a austeridade e o respecto patrimonial.

Máis de 30 expertos no eido da rehabilitación
Nesta iniciativa están a participar 25 alumnos/as, que reciben formación de máis de 30 expertos no eido da rehabilitación. Abórdase a xestión económica e administrativa dos proxectos, os materiais, técnicas e os oficios da construción, incidindo nas novas técnicas de intervención e na mellora da eficiencia enerxética. A formación desenvólvese en modalidade mixta, compaxinando as sesións presenciais coa teleformación.

A rehabilitación como fonte de emprego cualificado e estable
No transcurso da presentación púxose de manifesto que a situación actual do sector da construción caracterízase polo incremento das actuacións de mantemento, rehabilitación ou reforma de edificios existentes; especialmente nos múltiples procesos de renovación urbana que se están a desenvolver nos centros históricos, nos núcleos rurais, nos ensanches e mesmo nas periferias das cidades. Así, a cada vez máis intensa nova cultura da transformación urbana sustentable está a xerar grandes oportunidades para empresas e traballadores do sector.

"Requírese investigación e innovación de empresarios, promotores, técnicos e traballadores para, ademais de consolidar novas liñas de actuación sobre os núcleos urbanos, tentando manter compacta a estrutura e características que veñen conservando dende hai séculos, facer da rehabilitación e renovación urbana un gran tractor de economía local, xerador de emprego cualificado e estable", indican dende a Fundación Laboral da Construción.

Os representantes da FLC e do Consorcio de Santiago deixaron patente que "o mantemento e a rehabilitación, e en xeral a intervención sobre o xa construído, preséntase como unha oportunidade para as pequenas e medianas empresas locais e unha importante fonte de traballo, sen dúbida xa na actualidade, pero, sobre todo, con grande expectativa de crecemento no futuro".

A convivencia das técnicas tradicionais e das contemporáneas
Este curso pretende "divulgar coñecemento especializado para intervir sobre a cidade existente", no convencemento de que "o coñecemento das técnicas tradicionais e a incorporación adaptada dos materiais e técnicas de construción contemporáneas son piares básicos da nova cultura do mantemento e da rehabilitación, que debe ser entendida non xa estritamente en relación coa xestión do pasado, senón como ferramenta indispensable para construír un futuro mellor para todos, intensamente vinculado coa austeridade e a optimización dos recursos enerxéticos dispoñibles".

Compartir: