FESTAS

Mañá venres ábrese a reserva de entradas para as actividades de "Prima20", a festa do comercio local

18/06/2020 Do 25 ao 28 de xuño e o 4 de xullo celebrarase nas rúas de Compostela Prima20, a aposta do Concello para reactivar o comercio local e recuperar para a cidadanía as rúas de Santiago na volta á "nova normalidade". Serán cinco xornadas cheas de actividades, para as que haberá que reservar mediante cita previa, co obxecto de controlar aforos e así garantir as distancias de seguridade. A reserva debe realizarse na web comerciolocal.gal.

Neste espazo web, as persoas interesadas atoparán toda a programación diaria de Prima20, a descrición dos diferentes espectáculos e un enlace para reservar a entrada a cada unha das actividades. A entrada é gratuíta, pero é necesaria a reserva a fin de regular o aforo de cada espazo, con distintas capacidades, e así garantir as distancias de seguridade.

A programación desta festa do comercio local incluirá animación de rúa e actividades para todos os públicos en diversas zonas da cidade: Santa Marta, praza da Mercé de Conxo, parque Eugenio Granell, Alameda, praza da Constitución, parque de Galeras, praza de Cervantes, parque da Música, Vite, San Pedro, praza da Quintana, Romaño, xardín do Pazo de Amarante, praza Roxa, Colexiata do Sar e Área Central. A programación a desenvolver nestes lugares, do 25 ao 28 de xuño, completarase coa que se realizará en San Pedro o 4 de xullo, estendendo así Prima20 para coincidir coas festas deste barrio.

Maxia, contacontos, teatro, monicreques, música, circo, pasarrúas ou danza son algunhas das disciplinas incluídas no programa, que se completará con obradoiros de ourivaría, repuxado de prata e talla de acibeche.

Direccións relacionadas



Compartir: