MULLER

A Concellaría da Muller dá a coñecer os nomes das homenaxeadas o 8 de marzo

03/03/2007 Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo, o Concello compostelán homenaxeará a nove científicas e/ou investigadoras que desempeñan a súa actividade profesional en Santiago. Así mesmo, o día 8 fallarase o premio Xohana Torres e a fin de semana celebrarase a I Feira Medieval da Muller Artesana.

Ante a declaración do 2007 como "Ano da Ciencia" por parte do Goberno central, e co obxectivo de contribuír á promoción pública da cultura científica e tecnolóxica, especialmente a levada a cabo por mulleres investigadoras, a Concellaría da Muller decidiu este ano render homenaxe ás traballadoras do ámbito da ciencia xa que, como sinalou a concelleira Adelaida Negreira, a pesar dos logros acadados seguen a existir grandes barreiras á hora de desenvolver unha carreira profesional neste campo. As homenaxeadas son:

- María Isabel Cadavid Torres, catedrática de farmacoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

- Carmela Capeáns Tomé, catedrática de Oftalmoloxía. Directora da División de Investigación do Instituto Galego de Oftalmoloxía e xefa do Servizo de Oftalmoloxía do Chus.

- María Tarsy Carballas Fernández, directora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia. Doutora en Farmacia e licenciada en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade traballa como profesora de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), organismo ao que accedeu no ano 1965.

- María Graña Barcia, directora do Instituto Zygos. Profesora titular da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

- María Victoria Lareu Huidobro, catedrática de Medicina Legal e Forense da Universidade de Santiago de Compostela.

- Josefina F. Ling Ling, membro do Departamento de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Profesora de Fundamentos de Astronomía, Astronomía Xeral e Fotometría Astronómica. Membro do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.

- María Cruz Mato Iglesias, profesora de Bioloxía. Ex-delegada institucional do CSIC en Galicia. Coordinadora institucional.

- María Inmaculada Paz Andrade, catedrática de Física da Universidade de Santiago de Compostela. Presidenta da Sección Local da Real Sociedade Española de Física.

- María del Carmen Porto Vázquez, profesota titular de Radioloxía e Medicina Física da Universidade de Santiago de Compostela. Xefa do Servizo de Radioterapia do Chus.

Co acto de homenaxe, que se celebrará o día 9 de marzo no Hostal dos Reis Católicos, o Concello quere recoñecer o labor destas mulleres científicas e investigadoras que están a desempeñar un papel decisivo na xeración de coñecemento na nosa cidade, así como salientar a cada vez maior presenza feminina en postos de relevancia en todos os ámbitos da vida.

O Día Internacional da Muller tamén se celebrará co fallo, o vindeiro día 8, do premio Xohana Torres, un galardón que o Concello compostelán vén desenvolvendo desde o ano 1993 co obxecto de contribuír ao coñecemento sobre as mulleres que tiveron unha marcada incidencia na vida da nosa comunidade, tanto no momento actual coma no pasado.

Así mesmo, os días 10 e 11 de marzo, sábado e domingo, celebrarase na Praza da Quintana a I Feira Medieval da Muller Artesana, unha iniciativa que quere ser unha homenaxe ás mulleres que desempeñan o seu traballo neste ámbito.

Compartir: