ALCALDÍA E POLÍTICAS SOCIAIS

O alcalde compra o seu primeiro cupón da ONCE despois da desescalada

15/06/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado da concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, mercou hoxe o seu primeiro cupón da ONCE despois da desescalada, no punto de venda situado na praza de Cervantes. Atendeunos a titular do quiosco, Nuria Novás, nun acto simbólico que tiña por obxectivo visualizar o regreso dos traballadores e traballadoras da organización á nova normalidade, e no que tamén estivo presente o director da ONCE en Santiago, José Antonio Riveiro Canosa.

A ONCE recorda que nos seus 81 anos de historia, nunca se suspenderan os sorteos dos seus produtos. Esta reapertura lévase a cabo nunha semana na que tamén se inicia unha serie de cupóns denominada "A ilusión pode con todo". Cada día dedicarase un cupón aos distintos colectivos da sociedade que foron e son claves ante a situación de crise sanitaria vivida, coa finalidde de agradecerlle o seu labor.

O primeiro, "Grazas por coidarnos", está dedicado a sanitarios, hospitais, centros de saúde, residencias de maiores, persoal de limpeza e ao persoal de mantemento destes centros. O segundo, dedicado ás forzas e corpos de seguridade e aos bombeiros, leva por lema, "Grazas por protexernos." O terceiro, "Grazas por non parar", agradece o traballo de agricultores e gandeiros, pescadores, transportistas, industria transformadora, transporte público, e de todas as persoas que durante a fase máis dura da pandemia garantiron os subministros. O seguinte, "Grazas por estar aí", está dedicado a mercados, supermercados, farmacias, pequenas tendas de alimentación, etc. O penúltimo, "Grazas por estar pendentes", destaca o labor do voluntariado. E o último homenaxea a todo o persoal do Grupo Social ONCE, que soportaron o confinamento co ánimo de que "A ilusión pode con todo".

Compartir: