TURISMO

Aberta a oficina de información turística de Santiago con todas as garantías sanitarias

15/06/2020 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, visitou hoxe a oficina de información turística de Santiago, que abriu as súas portas ao público logo de tres meses pechada por mor da COVID-19. Para a apertura segura da oficina dende o punto de vista sanitario, Turismo de Santiago elaborou un Plan de Continxencia propio e adaptou o protocolo definido polo Instituto para la Calidad Turística Española.

A oficina de información turística de Santiago atende anualmente arredor de 200.000 consultas presenciais, dato que indica a súa importancia como centro de referencia para as persoas que visitan Santiago. Para poder adaptarase á nova normalidade, desenvolvéronse medidas en tres ámbitos concretos: medidas para garantir a distancia de seguridade, medidas hixiénico-sanitarias e medidas organizativas.

As principais medidas para garantir a distancia de seguridade son: instalación de barreiras físicas, como mamparas de vidro, limitación do aforo de persoas usuarias e redistribución de espazos de traballo do persoal e mobiliario. Ademais, empregaranse equipos de protección individual cando non se poida garantir a distancia de seguridade.

Respecto das novas medidas hixiénico-sanitarias, estableceuse un novo protocolo do servizo de limpeza, que inclue unha completa desinfección diaria da oficina, a xestión dos residuos que se xeran na oficina e a ventilación periódica dos espazos. Ademais, farase un uso persoalizado dos diferentes equipos como teléfonos, ordenadores, auriculares.

No tocante as medidas organizativas, leváronse a cabo cursos de formación para o persoal sobre a COVID-19; organizáronse grupos de traballo estancos que seguirán as mesmas quendas, limitarase o tempo de uso das instalacións por parte do público; eliminarase a posibilidade do autoservizo de mapas e folletos; primaranse as imaxes con códigos QR e a información en formato dixital e elimínanse as pantallas táctiles e as enquisas de valoración que se cubrían manualmente.

Ademais destas medidas, dende Turismo de Santiago estase impulsando as ferramentas de información electrónica, con accións como actualización e mellora dos contidos da web, fomento do correo electrónico para facer consultas e creación dun novo servizo de chat en tempo real no mes de maio.

Compartir: