ROLDAS DE PRENSA

O Concello dá continuidade ao tícket especial de compra e reordena os aforos dos mercados de Abastos e de Salgueiriños

15/06/2020 A Xunta de Goberno Local celebrada este luns adoptou diversas medidas de acordo coas esixencias marcadas dende este luns pola Xunta de Galicia na nova etapa de normalidade. Entre estas decisións figura o reordenamento dos aforos dos mercados de Abastos e de Salgueiriños, a continuidade do programa do tícket especial de compra ou a volta do estacionamento ORA á situación antes da crise da COVID-19.

O alcalde destacou a ratificación de oito contratos con diferentes supermercados e cadeas de supermercados para dar continuidade ao tícket especial de compra, por un importe total de 216.000 euros. Apuntou o alcalde a "dificultade" que supón seguir aplicando determinados programas postos en marcha ao amparo do estado de alarma agora que este desapareceu, pero ratificou a intención de continuar con este bono de compra ata o mes de xullo.

Neste sentido, ao rexedor parécelle "moi oportuna" a tarxeta monedeiro posta en marcha pola Xunta para un período transitorio de tres meses mentres se tramita o Ingreso Mínimo Vital. No noso caso, "permitirá afrontar esa situación transitoria entre o tícket especial de compra, cando rematemos con esta prestación e o Ingreso Mínimo Vital", dixo.

Precisamente deste programa do tícket especial de compra mostrouse especialmente orgulloso a preguntas sobre o seu primeiro ano de mandato. Lembrou que permitiu atender a 1.500 familias e case 4.000 persoas, e que supuxo "un traballo notable do que a cidadanía é consciente". En termos xerais, cualificou de "éxito conxunto de todas e todos" a forma en que "os composteláns afrontamos esta crise do coronavirus" e afirmou que "o Concello estivo a unha altura notable nas decisións que tomou" respecto a esta crise.

Volta da ORA á normalidade
Outro dos acordos da Xunta de Goberno Local foi o da volta á normalidade de todas as zonas de estacionamento ORA. Non obstante, nas zonas onde aínda persiste a situación de excepcionalidade de non pagamento (Campus Sur, estacionamento de Pontepedriña e avenida de Ferrol), do 16 ao 22 de xuño manterase un control informativo, sen sancións. A partir do martes 23 xa se tramitarán denuncias.

Revisión de aforos
De acordo á nova normativa autonómica aplicable dende este luns, procedeuse a revisar o aforo dos mercados de Abastos e de Salgueiriños. No caso da praza de Abastos, a capacidade das naves 2, 3, 6 e 7 pasa de 32 a 38 persoas, mentres que a das naves 1, 4, 5 e 8 pasa de 43 a 52 persoas.

En Salgueiriños autorizaranse ata 137 postos de venda e un aforo máximo de público de 685 persoas, gardando unha distancia de 1,5 metros entre posto e posto. Lembrou o alcalde que, segundo as fases da desescalada, esta capacidade foise axustando, pasando dos 65 aos 104 postos e, agora, aos 137. Anunciou que tamén se procederá de inmediato a instalar a nova sinaléctica, que delimitará cada posto de venda, as separacións co público e os corredores de circulación deste.

Nova normalidade
A preguntas sobre a nova normalidade, o alcalde insistiu en que "máis importante que correr moito é ir seguro", polo que demandou "adoptar todas as medidas de precaución para evitar rebrotes, que de acontecer serían moi negativos". Por iso, apelou á "prudencia" neste novo escenario, que presenta "unha complexidade extraordinaria" en alusión ás normas autonómicas que entran en vigor este luns. "

"Ao longo hoxe e mañá imos analizar con detemento os decretos da Xunta de Galicia, para ver como podemos adaptarnos a esas medidas, algunhas moi complexas". Entre estas citou as relativas aos parques infantís, que polo momento permanecen pechados. "Para un concello con 82 parques infantís, 51 pistas polideportivas aire libre e 20 parques biosaudables, hai medidas de aforo, limpeza diaria, etc. que son complexas e dun cumprimento nada fácil". Mantense a data do 1 de xullo como a prevista para a apertura.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: