ALCALDÍA

Inaugurada a XXXIX Feira do Libro de Santiago

13/06/2020 Dende este sábado e ata o domingo 21 de xuño pódese visitar, na Alameda de Santiago de Compostela, a Feira do Libro, organizada pola Federación de Libreiros de Galicia, e que este ano chega á súa 39 edición, baixo o lema "Non contaxian pero enganchan". Durante a inauguración, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou que unha cidade tan apegada á cultura como é Santiago é o mellor escenario para acoller esta primeira feira do libro que se celebra en España e posiblemente e Europa, que representa "a entrada na nova normalidade". O rexedor amosouse confiado nunha rápida recuperación do sector cultural, e máis en concreto, do sector editorial.

Ademais do alcalde, no acto inaugural interviñeron Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Libreiros de Galicia; Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura. O pregón correu a cargo da escritora María Solar, quen asegurou que ler "devolve a xustiza de ter memoria, fainos libres e fainos críticos", e destacou a importancia da lectura na educación.

Dende a Federación de Libreiros púxose en marcha un protocolo de seguridade, que están compartindo con outras comunidades no que, ademais de garantir o mantemento da distancia de seguridade; colocáronse xeles hidroalcohólicos en cada caseta, para desinfectar as mans antes de poder tocar os libros. Ademais, os libros que se merquen sacaranse directamente de caixas, para evitar posibles contaxios, e as casetas desinfectaranse con luz ultravioleta durante a noite. Á inauguración, celebrada esta mañá, tamén asistiron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o responsable de Turismo, Sindo Guinarte, e a titular de Educación, Noa Díaz; así como os edís Alejandro Sánchez-Brunete, do PP; Martiño Noriega, de CA; e Goretti Sanmartín e Navia Rivas, do BNG.

Pleno electoral e homenaxe
Antes de dirixirse á Alameda, alcalde e concelleiros/as participaron nun Pleno extraordinario para designar membros das mesas electorais con motivo das eleccións ao Parlamento de Galicia.

Despois da inauguración da Feira do Libro, o alcalde dirixiuse ao Hotel Monumento San Francisco, para asistir ao acto en recordo das vítimas da COVID-19 organizado pola Xunta de Galicia.

Compartir: