EDUCACIÓN

Convócanse as Escolas de Verán 2020 para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos

12/06/2020 A FANPA (Federación de Asociacións de Nais e Pais de Compostela) vén de convocar as Escolas de Verán, coas que este ano colabora o Concello de Santiago, segundo o convenio asinado hoxe entre as partes. Estas escolas están dirixidas a menores con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, que estiveran escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou en primaria durante o curso 2019/2020.

As inscricións para participar na quenda de xuño deben enviarse por correo electrónico a santiago@actex.es antes das 14:00 h do vindeiro mércores 17 de xuño. Para inscribirse nas quendas de xullo, agosto e setembro o prazo remata o venres 19 de xuño.

O programa Escolas de verán 2020 consta de diferentes quendas con actividades temáticas que permitirán aos nenos e nenas participantes pasar un verán divertido ofrecendo unha alternativa de lecer e tempo libre. Tendo en conta a situación especial que estamos vivindo, seguiranse os protocolos establecidos para a prevención do COVID-19.

Cada quenda terá unha temática diferente pero en todas se traballará a educación en valores, a igualdade, as habilidades sociais e a intelixencia emocional. Despois deste tempo de confinamento é fundamental pór en valor a necesidade de relación social que teñen os menores e para iso é necesario ofrecerlles oportunidades que lles permitan relacionarse con outros nenos/as e posibilitarlles ferramentas que lle permitan expresar e xestionar os sentimentos derivados da experiencia vivida.

As Escolas de verán desenvolveránse en cinco centros escolares:

- CEIP de Roxos-Villestro (xuño, xullo, setembro)

- CEIP Ramón Cabanillas (xuño, xullo, setembro)

- CEIP das Fontiñas (xuño, xullo, setembro)

- CEIP Quiroga Palacios (xuño, xullo, agosto, setembro)

- CEIP de Vite (xuño, xullo, agosto, setembro)

O número máximo de participantes será de 72 en cada centro escolar. Esixirase un mínimo de 27 participantes para abrir calquera das ubicacións, agás o centro de Roxos-Villestro que, pola súa situación fóra do casco urbano da cidade, ten asegurada a súa apertura cun mínimo de 18 participantes. Os horarios de actividades serán de 9:00 a 14:00 h; os de madrugadores entre 7:45 h e 9:00 h, e o de comedor de 14:00 h. a 16:00 h.

Existe a posibilidade de participar mediante o programa de bolsas de Servizos Sociais do Concello de Santiago. As familias que opten por esta modalidade deben indicalo na inscrición das Escolas de Verán marcando o apartado correspondente. Para ser beneficiario de ditas bolsas é necesario un informe favorable emitido polo Departamento de Servizos Sociais previo ao comezo das actividades solicitadas, quedando a aceptación das inscricións condicionada á aprobación da bolsa por parte do Concello.

Compartir: