TURISMO

A oficina de información turística de Santiago abre este luns con todas as garantías sanitarias

12/06/2020 A oficina de información turística de Santiago abrirá o próximo luns, 15 de xuño. Para a apertura segura da oficina dende o punto de vista sanitario, Turismo de Santiago elaborou un Plan de Continxencia propio e adaptou o protocolo definido polo Instituto para la Calidad Turística Española. Durante o tempo que permaneceu pechada, o servizo de información turística atendeu máis de 1.100 consultas a través de correo electrónico, teléfono e chat.

A adaptación da oficina de información turística de Santiago á nova normalidade xerada polo COVID-19 pasa por múltiples medidas en tres ámbitos concretos: medidas para garantir a distancia de seguridade, medidas hixiénico-sanitarias e medidas organizativas. O horario de apertura da oficina será de 10:00 a 18:00 horas de luns a domingo, cun total de 56 horas semanais.

As principais medidas para garantir a distancia de seguridade son: instalación de barreiras físicas, como mamparas de vidro, limitación do aforo de persoas usuarias e redistribución de espazos de traballo do persoal e mobiliario. Ademais, empregaranse equipos de protección individual cando non se poda garantir a distancia de seguridade.

Respecto das novas medidas hixiénico-sanitarias, estableceuse un novo protocolo do servizo de limpeza, que inclúe unha completa desinfección diaria da oficina, a xestión dos residuos que se xeran na oficina e a ventilación periódica dos espazos. Ademais, farase un uso persoalizado dos diferentes equipos como teléfonos, ordenadores, auriculares.

No tocante as medidas organizativas, leváronse a cabo cursos de formación para o persoal sobre o COVID-19, organizáronse grupos de traballo estancos que seguirán os mesmos turnos, limitarase o tempo de uso das instalacións por parte do público, eliminarase a posibilidade do autoservizo de mapas e folletos, primaranse as imaxes con códigos QR e a información en formato dixital e elimínanse as pantallas táctiles e as enquisas de valoración que se cubrían manualmente.

A oficina de información turística de Santiago pechou con motivo da declaración do estado de alarma no mes de marzo. Dende entón, continuáronse prestando servizos de información a través de teléfono e correo electrónico. Ademáis, no mes da maio desenvolveuse un servizo de atención mediante chat, dispoñible na páxina web de Turismo de Santiago. Neste periodo atendéronse 1.138 consultas: 582 por correo electrónico, 380 por teléfono e 173 por chat.

Compartir: