ALCALDÍA

Dous puntos de información no Mercado de Abastos e Área Central asesorarán na tramitación do Ingreso Mínimo Vital

12/06/2020 A partir do martes 16 de xuño haberá dous puntos de información no Mercado de Abastos e en Área Central dende os que se informará á cidadanía sobre o Ingreso Mínimo Vital. Xa están formalizadas 620 citas, a razón de 40 por día, para as vindeiras semanas.

O alcalde deu conta da apertura destes dous puntos informativos e do escenario que se lle plantexa ao Concello coa finalización do estado de alarma en canto a unha prestación como a do tícket especial de compra. Lembrou que a través deste se atendeu a 1.550 familias, das que 135 se deron de baixa, "ben porque se lles pagaron os ERTE ou ben porque recuperaron o emprego".

Polo tanto, dixo, quedan 1.415 familias que seguen acollidas a este programa de emerxencia, que agora "está chegando ao seu fin", o que "nos obrigará ao longo do mes de xullo a buscar outras solucións alternativas". Neste sentido, referiuse a dúas medidas postas en marcha por outras administracións: a central, coa apertura o 15 de xuño da presentación de solicitudes do Ingreso Mínimo Vital, e a autonómica, "cunha tarxeta monedeiro de transición durante tres meses".

Sobre o Ingreso Mínimo Vital, indicou que o simulador posto en marcha polo Concello recibiu 34.000 visitas, se ben "só 1.846 de Santiago". A maioría das consultas, apuntou, "procedían de cidades como A Coruña, Vigo, Madrid, Sevilla, Barcelona...e mesmo doutros países".

Desas 1.846 consultas realizadas por cidadáns/ás de Santiago deriváronse 620 citas que serán atendidas nas novas oficinas de información do Mercado de Abastos e de Área Central, nas que catro especialistas asesorará na tramitación do Ingreso Mínimo Vital, para que esta "poida facerse da forma máis rápida e áxil posible".

En calquera caso, aclarou, polo momento "seguiremos facilitando os tíckets especiais de compra", pero tamén poremos en coñecemento dos beneficiarios que o programa chega ao seu fin e da existencia do programa de transición de tres meses da Xunta". Ademais, "trataremos de garantir que ninguén se quede sen atender", en referencia especialmente a aquelas persoas que non poderá optar ao Ingreso Mínimo Vital ou a este programa autonómico de transición, e que "seguirán sendo acollidos en programas municipais".

Colexios electorais
Noutra orde de cousas e preguntado polas eleccións autonómicas, anticipou que haberá cambios nalgúns colexios e reaxustes noutros para cumprir coas esixencias de seguridade. Por iso, pediu "comprensión" á cidadanía.
"Isto vai requirir un esforzo moi importante e necesitaremos ademais a colaboración activa das forzas e corpos de seguridade do Estado e da Policía Autonómica, pois non temos a capacidade de ter dous policías locais en cada colexio", engadiu Sánchez Bugallo.

Compartir: