MEDIO RURAL

O Concello destina máis de 700.000 euros do Plan Único da Deputación á rehabilitación da ponte de Vidán e ao acondicionamento da contorna do CSC da Gracia

11/06/2020 A Concellaría de Medio Rural vai acometer dúas importantes obras en parroquias compostelás con cargo a financiamento do Plan Único da Deputación da Coruña: a rehabilitación e consolidación da ponte de Vidán e o acondicionamento do Centro Sociocultural da Gracia e da súa contorna. Ambas intervencións, agora en fase de licitación, suman un investimento de 733.605,10 euros.

O proxecto para a reparación e consolidación da Ponte de Vidán conta cun orzamento de 447.065 euros, financiado totalmente co Plan Único, e permitirá a rehabilitación dunha infraestrutura histórica que actualmente, debido ao paso do tempo, atópase nun estado de conservación deficiente.

Trátase dunha ponte estreita sobre o río Sar, moi preto da desembocadura do Sarela, construída en pedra e formigón armado. Os traballos para a súa rehabilitación incluirán a substitución dos muros dos estribos sobre os que se apoia a actual plataforma, que tamén se cambiará. Só se conservarán os elementos de carácter histórico da pila, da bóveda e dunha parte dos límpanos. Reconstruirase a tallamar, reproducindo as súas antigas dimensións grazas aos restos que se conservan. Ademais, a tubaxe para o abastecemento de auga nesa zona desmontarase e substituirase provisionalmente para, ao remate das obras, restituír o servizo por outra que irá oculta na nova plataforma, ao longo das beirarrúas que se executarán.

Centro Sociocultural da Gracia
O proxecto para o acondicionamento da contorna do centro sociocultural da Gracia e do interior do edificio conta cun orzamento de 286.540,10 euros, financiado totalmente polo Plan Único, e inclúe a urbanización da zona e a mellora do edificio para facelo máis accesible.

Os traballos incluirán a reforma do campo da festa e o movemento do cruceiro, que actualmente esta situado na zona central e preténdese reubicalo á súa posición orixinal, facendo que gane presenza e liberando así o centro deste espazo, o que permitirá darlle continuidade aos eventos que alí se celebran. Tamén se cambiará a pavimentación do tramo de vía que está asfaltado entre a pista polideportiva, a capela e o centro sociocultural, aproveitando para soterrar as liñas de baixa tensión e telefonía. Ademais, trasladarase a unha zona arborada a área de xogos infantil, que agora está baixo unha liña de media-alta tensión onde se plantarán novas árbores, e instalarase un circuíto biosaudable.

No referente ás obras a realizar no centro sociocultural, o proxecto contempla a instalación de salvaescadas en todos os tramos do edificio, en paralelo á adaptación dos aseos existentes á normativa de accesibilidade. Por último, dividirase a sala do soto, onde actualmente están as cociñas, para crear alí un espazo de almacenaxe con acceso desde o exterior. Na ludoteca demolerase un tabique para gañar espazo.

Compartir: