ACCIÓN CULTURAL

A Alameda acolle a XXXIX Feira do Libro de Santiago do 13 ao 21 de xuño

11/06/2020 O paseo central da Alameda acollerá dende este vindeiro sábado 13 de xuño e ata o domingo 21 de xuño a XXXIX Feira do Libro de Santiago de Compostela, organizada pola Federación de Librarías de Galicia. O Concello colabora un ano máis coa Feira, que estará aberta no paseo central da Alameda en horario de 11:30 a 14:00 e de 17:30 a 20:00 horas.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, participou na rolda de prensa de presentación desta nova edición da Feira do Libro de Santiago de Compostela, na que tamén tomaron a palabra Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, e Xurxo Couto, deputado de Cultura pola Deputación da Coruña. Eles/as tamén se sumarán este sábado, ás 10:20 horas, ao acto inaugural do evento, que contará coa asistencia do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. A escritora María Solar pronunciará o pregón, tras o cal as autoridades visitarán as casetas das librarías.

A Feira, que este ano leva por lema "Non contaxian, pero enganchan", en alusión á situación sanitaria actual, conta nesta edición coa participación de cinco librarías e unha editora: Libraría Pedreira, Libraría Cortizas, Libraría Numax, A Gata Tola, Ler Librarías e Alvarellos Editora.

Durante estes nove días, os/as que pasen polas casetas do paseo central da Alameda poderán adquirir libros cun 10% de desconto. Pero ademais poderán lograr que os seus escritores e escritoras favoritos lles asinen as súas obras. Pola Feira pasarán María Solar, Elba Pedrosa, Xosé A. Neira, Alfredo Conde, Pere Tobaruela, Carlos Labraña, David Plana, Vicente Vázquez Vidal, Xabier Ron, Irene Tomé, Néstor Blanco, Aurora Marco, Iolanda Aldrei, Charo Baleirón, María Xosé Queizán, Marilar Aleixandre, Rober López, Jorge García, Gaspar Domínguez, Aser Álvarez, Manuel Rivas, Henrique Alvarellos, Rosa Aneiros, Imma López Silva, Manuel Portas, Casto Rivadulla, Claudia Castro, Paula Carballeira, Marcos Viso, Manuel Monge, Berta Dávila, Héctor Cajaraville, Juan Bello Sánchez, Rosa Enríquez e Carlos Meixide.

Feira segura
Mercedes Rosón destacou que esta é "a primeira feira do libro que se celebra en España neste contexto especial da COVID-19". Ademais de subliñar que o da Alameda será "un espazo seguro", lembrou o papel que os libros xogaron nestes meses de confinamento nos que "moitas persoas descubriron a importancia da lectura, que aumenta a nosa comprensión e a nosa capacidade comunicativa e de aprendizaxe, potencia a memoria e mantennos informados. Pero tamén, e isto é moi importante, esperta as nosas emocións, e tamén a nosa imaxinación". E sobre a Feira, asegurou que "vender libros é vender cultura, literatura, arte, ideas e coñecemento".

Da función dos libros en tempos de confinamento tamén falou Xurxo Couto, relacionándoa cunha campaña posta en marcha pola Deputación da Coruña baixo o título "Libros para sermos libres". Ao igual que a concelleira, tivo parabéns para a Federación de Libreiros de Galicia por sacar adiante esta Feira neste contexto de dificultades, salientando a importancia de que "a cultura volva á rúa".

Das medidas de seguridade deu conta Pilar Rodríguez, quen asegurou que a Feira se desenvolverá nun "entorno seguro para a actividade comercial e cultural". Iso si, pediu a colaboración cidadá para o cumprimento das medidas marcadas no protocolo específico marcado para as feiras do libro.

Entre os procedementos de seguridade, a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia destacou a desinfección das estruturas físicas da Feira, reforzada pola noite cunha aplicación de luz ultravioleta unha vez pechadas as casetas. Dende esa limpeza, o acceso á caseta non se volverá a facer ata pasadas 13 ou 14 horas.

"Ao público solicitarémoslle o uso de máscara e que esperen a súa quenda gardando a distancia de seguridade, que estará marcada con balizas. Ademais, antes de achegarse a cada caseta, os/as visitantes deberán desinfectar as mans con xel", indicou. O pago será preferentemente con tarxeta e pedirase aos/ás libreiros/as que o libro vendido entregado sexa o procedente dunha caixa e non o exposto.

Para a sinatura de libros, o espazo de firma estará separado do público cun biombo de metacrilato, que contará cun espazo para que poida pasar o libro. Ademais da venda, a sinatura de exemplares será a actividade principal da Feira, polas limitacións de seguridade para evitar contaxios da COVID-19. "Só haberá dinamización acústica para facer máis amena a espera", explicou Pilar Rodríguez.

A de Santiago é a primeira das nove feiras do libro que a Federación ten previsto celebrar este ano en Galicia.

Direccións relacionadas



Compartir: