MEDIO RURAL E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Seis centros socioculturais do rural ofrecerán actividades de conciliación durante o mes de xullo

11/06/2020 O concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, e a técnica responsable dos centros socioculturais do Rural, María Pose, presentaron este xoves Verán no rural, o programa de conciliación que se desenvolverá durante o mes de xullo en seis centros socioculturais do rural compostelán. Mañá venres abre o prazo de preinscrición, que ten como data límite o venres 19 de xuño. A participación nas actividades é de balde.

José Manuel Pichel animou as familias a inscribir os seus nenos e nenas (nados entre 2008 e 2015) neste programa de conciliación, que ofrece un total de 90 prazas, 15 por cada un dos seis centros socioculturais: A Gracia, Figueiras, Lavacolla, Marrozos, Nemenzo e Villestro. "Creo que con estes seis centros abarcamos boa parte do rural de Compostela e facilitamos que a maioría das parroquias teñan un centro máis ou menos preto", apuntou.

O edil indicou que "como non pode ser doutro xeito nestes tempos, as actividades faranse con todas as medidas de seguridade". Como exemplo, citou a obrigatoriedade do uso da máscara. En calquera caso, explicou que se fomentará a realización de actividades exteriores sempre que sexa posible.

Horarios, actividades e inscricións
Tal como explicou María Pose, o programa Verán no rural está destinado a nenos e nenas nados entre os anos 2008 e 2015. Entre as 10:00 e as 14:00 horas, os/as participantes desfrutarán de actividades lúdicas, xogos cooperativos, actividades predeportivas, etc.

As familias teñen a opción de inscribir os rapaces e rapazas nas actividades para todo o mes de xullo ou de escoller unha das dúas quincenas. Para iso deben realizar a preinscrición do 12 ao 19 de xuño a través do correo electrónico mposeo@santiagodecompostela.gal, remitindo a ficha que se pode descargar nesta web municipal.

No caso de haber máis solicitudes que prazas dispoñibles nos distintos centros, farase un sorteo automático o día 23 de xuño. A partir do 25 de xuño publicaranse na web municipal as listas de admitidos/as e reservas.

A matrícula formalizarase os días 26, 29 e 30 de xuño entregando a documentación necesaria na Casa das Asociacións de Cornes, en horario de 9:00 a 14:00 h, ou no Departamento de Medio Rural (entrada principal da estación de autobuses), en horario de 9:00 a 13:00 h. Máis información nos teléfonos 981 542 350 e 604 002 657.

Na admisión terán prioridade os/as menores do rural empadroados/as no Concello de Santiago no caso de que ambos proxenitores precisen a conciliación laboral, así como as familias monoparentais e monomarentais na mesma situación. Haberá unha reserva de prazas para persoas beneficiarias de Servizos Sociais. Se un/unha menor obtén praza e ten irmáns ou irmás preinscritos/as, todos/as obterán praza.

Compartir: